Feliz aniversario do Centenariazo. Así, hai dous días, Pedro Iglesias, o neto pequeno de Don Arsenio Iglesias Pardo, situounos a todas e todos no legado colectivo do marabilloso acto que vivimos no Salón do Plenos de María Pita: a concesión do título de Fillo Adoptivo da Coruña ao maior filósofo popular do que esta cidade pode presumir. Ao máis grande adestrador. A un de nós. Tal e como di a canción, “non hai xenio como Arsenio”.
Ao chegar a María Pita, volveu demostralo. Quería escoitar aos seus netos, e os seus netos falaron en nome da súa familia, sabendo que esta é multitudinaria. Chámase A Coruña, Arteixo, Galicia, Dépor, non ten fronteiras, pero si unha marcada identidade. A que definiu a súa neta maior, Ana, no mesmo acto: “Traballo, humildade, orde e talento”. Un exemplo que vai máis alá do fútbol, é sempre unha lección de vida, un xeito de estar no mundo.
En realidade, todo o que nos ensinou Don Arsenio Iglesias Pardo podería poñerse por escrito para redactar unha especie de Constitución Coruñesa, porque os seus valores foron moito máis alá do céspede, supuxeron sempre un modelo propio e sabio de como o seu territorio, xeográfico e ético, debe relacionarse entre si, a base de cariño.
Nun mundo tan propenso ao divismo como o do fútbol, as estrelas mundiais que eran os seus xogadores sempre o lembran como alguén que, ante todo, os coidaba, preocupábase deles. Así fixo coa cidade tamén, polo tanto, entregarlle o título de Fillo Adoptivo -así como poñerlle o seu nome a unha rúa e á Cidade Deportiva da Torre- non é máis que unha forma de que os coruñeses e as coruñesas lle devolvésemos un pouco do moito que el nos regalou.
Como alguén dixo despois do acto: “¿Una calle? Como mínimo deberíamos ponerle su nombre a la ciudad”. Está claro que a filosofía de Arsenio deixou pegada. Así, grazas a el, é como dicimos as cousas as e os coruñeses, con humor cargado de sabedoría. Quitándonos importancia para ir ao máis alto.
Porque, ademais, Don Arsenio Iglesias Pardo, representa a toda A Coruña. É o un consenso básico. Tanto ten a ideoloxía ou a idade. É máis, entre as súas moitas calidades, unha moi relevante foi a a de rachar coas barreiras xeracionais. Poucas veces un idilio social resultou tan emocionante e fecundo como o que protagonizou Arsenio coa rapazada de Riazor, naquel tempo no que o ídolo dos adolescentes podía ser o seu avó. Cando o máis moderno de todos tiña o pelo branco. Como dixo nunha ocasión o escritor Manuel Rivas, referíndose a Arsenio: “As estrelas son efímeras, pero os mitos que o pobo escolle non se poden fabricar, nacen”. O mito da Coruña, ese é Arsenio. Qué duda cabe.