Manexar termos históricos ten o seu aquel. A corrección esixe un mínimo de decoro e precisión, á hora de colocar cada cousa no seu espazo e no seu tempo. Tamén debéramos saber que foi antes e que pasou despois. E por suposto que todo acto ten a súa consecuencia. Non todo o mundo sabe enfrontarse á Historia co respecto debido.
Frivolizar é unha arma letal do noso tempo. De esta cultura mosaico onde todo o mundo semella saber de todo. Pero moi poucos saben o que hai nas entrañas dos procesos e dos acontecementos.
A fábrica de titulares para a prensa, prioriza o escandaloso sobre o real, manchando unha terminoloxía que pesa polo valor simbólico do seu significado. Hai unha banalización do liderado.
Ascenden ás xefaturas das diversas formacións, persoas que non teñen nin a memoria ao día de todo o sucedido, nin moito menos o sufrimento acumulado por tanta xente, en tantas loitas e en tanto tempo, para acadar liberdade e dereitos. Por iso é unha incoherencia, unha falta de respecto e un insulto grave á intelixencia e á historia, que aqueles que apoian, defenden e pactan con partidos de ultradereita, falen de impor un cordón sanitario a un partido que ten entregado moitas vidas, en moitas loitas, en moitos lugares do mundo polos dereitos de todxs.
O certo, é que hai partidos que aínda non cortaron o cordón umbilical que lles mantén, ideoloxicamente unidos, aos que defenden os privilexios dunha sociedade sesgada; feita unicamente, á medida deles mesmos.
As vivencias de afectos non son evanescentes –díxolle El– non chegan e disputan as portas de saída...teñen corporeidade, memoria con aromas e bandas sonoras engadidas... vivir é ir recoñecendo cando asoman, as arquitecturas grises das estacións de tránsito...