A dramatización excesiva acaba por converter ás situacións e aos personaxes, en meras caricaturas do que pretendían ser, restándolles parte da cotización que acadaran. O exceso limita e minimiza o valor do impacto pretendido.
Sobreactuar resta verosimilitude ao discurso, e o grao de credibilidade pasa a depender da esfera da maior ou menor fe, que teñamos nas causas e nos que se autoproclaman defensores das mesmas. Apliquemos sempre a regra do menos é máis e acadaremos o obxectivo pretendido.
Vimos xa cansos de tempos onde todo era exceso, tanto no plantexamento coma na execución. Tirar por elevación era un deporte nacional onde o que se pretendía, era cazar varias pezas dun só tiro. Pretender meter observadores internacionais, para seguir e avaliar a imparcialidade dos nosos tribunais de xustiza nos xuizos derivados do Proces, é só unha pose para gañar titulares.
Utilizar o recurso de que sexa un clamor do pobo catalán, é outorgarse máis espazo do que realmente poden ocupar. Hai situacións que derivan dos procesos de cambio no que levan instalados os partidos, no seu camiño por atopar a súa verdadeira identidade.
Gaspar LLamazares, de actor principal e dirixente máximo, a mero extra sen texto, abandona IU. Errejón, de traidor a mesías, abre camiño a unha nova coalición en Madrid, pero non é invitado a participar no conclave que naceu, precisamente, coa súa bendición conxunta con Carmena.
Rufián é irreverente e faltón no hemiciclo, excesivo coma recurso, pero só ata que apagan os focos. Sobreactuar é propio dos malos actores, con escasa calidade e ningún método.
Hai palabras que conteñen afectos engadidos –díxolle El– que debuxan ás e invaden ceos, ou flores azuis que tinguen as mareas...hai emocións que nunca collerán días libres... nomearte é un impacto de sentidos...