Acoso ás pensións

O refraneiro popular fai unha advertencia que é constatación da utilidade das consideracións alarmistas á hora de preparar estados de opinión que logo faciliten a imposición de medidas que non tiñan porque chegar a ser así. Unha especie metafórica dise manido e interesado dito que aconsella “poñer as propias barbas a remollo cando se vexan pelar as doutras persoas da veciñanza”; unha exclamación do “trunfan bastos” cando falamos dos tempos de incerteza e malos augurios que veñen por diante. Iso que, trasladado ao porvir das pensións públicas, podemos ver no documento de “Opinión sobre a sustentación do Sistema de Seguridade Social” que difundiu a chamada Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal. 
Obvio é dicir que o adxectivo de “independente”, para o atributo deste organismo, vaille moi forzado sendo como é un ente imposto por ese triunvirato formado pola Comisión Europea, o Fondo Monetario Internacional e o Banco Central Europeo que veñen operando en total e absoluta sintonía, reproducindo e amplificando unha mensaxe que ten como eixo central un continuado ataque ao sistema público de pensións, poñendo en dúbida a súa viabilidade económica e propoñendo como solución medidas gravosas que van na vía de dificultar o acceso a unha pensión suficiente, e reducir as contías resultantes ao aumentar o período de cómputo. 
A cerna do seu argumento pon foco exclusivo na diminución da natalidade, o envellecemento da poboación e o aumento da esperanza de vida, esquecendo que o actual déficit do fundo das pensións ten orixe na forte caída das cotizacións por causa da grave crise e das medidas laborais implantadas polos sucesivos gobernos coas que se asentou un modelo de precariedade, baixos salarios, importante incremento dos contratos temporais e a tempo parcial, xornadas de traballo flexibilizadas e bonificación ás cotizacións a favor da gran empresa. Do lado das solucións, curiosamente todas as medidas que se propoñen, baseándose en análises alarmistas, van no camiño da redución do gasto sen que indiquen medida seria para facer o contrario, producir máis ingreso á caixa común e solidaria. Certo é que se apunta algunha mellora insignificante para trasladar ao orzamento estatal gastos de funcionamento e prestacións de base social. 
Isto, sumado á teima sobre a implantación do modelo da “mochila austríaca” a respecto das indemnizacións por despedimento e boa razón para insistir na mobilización, fronte ao acoso incesante,  en defensa dunha política laboral a prol dunhas pensións dignas. 

 

Acoso ás pensións

Te puede interesar