Centenario solemne nas formas, apagado na transcendencia popular, é o que vén celebrando perante este ano a Organización Internacional do Traballo, a única axencia da ONU de carácter tripartito na que conflúen gobernos, organizacións empresarias e axentes sociais representados nos sindicatos das e dos traballadores. Preto de douscentos estados membros que se propoñen acordar normas de traballo, formular políticas laborais ou elaborar programas que acaden un traballo digno e igualitario de mulleres e homes. Fundada en 1919, a partir da experiencia traumática da Primeira Guerra Mundial, na teoría e nunha vontade que non se corresponde logo coa norma legal dos países que alí asinan sen rubor declaracións e proclamas, os seus obxectivos na construción dunha paz duradeira e social entenden que só é posíbel ser acadados, dende o diálogo entre as partes, no recoñecemento e custodia dos dereitos laborais, na mellora da protección social e nunha política de fomento da oportunidade de traballo xusto.
Para iso, a OIT vén celebrando un encontro periódico das partes que forman este organismo baixo o título de Conferencia Internacional do Traballo que vai xa pola centésimo oitava ocasión, de xeito que supera a media de unha por ano na traxectoria desta axencia. Como non podía ser doutro xeito, na última, promoveuse a Declaración do Centenario da OIT para o Futuro do Traballo, un documento de oito páxinas que comeza por considerados, recordatorios, compromisos e recoñecementos característicos deste tipo de manifestos cargados de pompa diplomática para advertir que a OIT “conmemora o seu centenario nun momento no que o mundo do traballo está a se transformar radicalmente impulsado polas innovacións tecnolóxicas, os cambios demográficos, o cambio medioambiental e climático e, tamén, a globalización, así como nun momento de desigualdades persistentes, que teñen fondas repercusións na natureza e no futuro do traballo e no lugar e na dignidade das persoas que se atopan neste contexto”. É certo.
Porén, non se agarda moito da realización efectiva das medidas propostas, entre elas a de “formular políticas eficaces na creación de emprego produtivo e libremente elixido, creación de oportunidade de traballo decente para todos facilitando a transición da educación e formación para o traballo, poñendo énfase na integración activa e real da mocidade no universo do traballo”, unha parte do relatorio de recitas que contén unha declaración que é unha premonición do fonda mutación que soportará o mundo do traballo futuro.