Sen dúbida, o clima está a ser elemento de impacto catastrófico en boa parte da xeografía planetaria, alén da peculiar traxectoria que vén seguindo neste pequeno curruncho do noroeste peninsular, o noso país coa súa meteoroloxía atlántica que se ve afectado por esa grande pelexa entre o anticiclón das Azores e as baixas presión inducida polas borrascas árticas nas que o primeiro vai perdendo por goleada esta especie de competición entre os grandes patróns que condicionan o tempo atmosférico. Aínda así, e sabendo que neste asunto a opinión e interese están enfrontadas entre os que consideran bo ou mal tempo, o certo é que o territorio galego en comparanza con outros ámbitos do mundo está a gozar dunha das mellores situacións posibles.
Velaí, nestes días próximos que estamos a vivir, a situación dos espazos estatais do sueste de Europa, coa transcendencia máis acusada en Grecia e Turquía, que teñen desatada unha vaga incontrolábel de incendios, con efecto de mortes ou evacuacións masivas de poboación, destrución de centos de fogares e calcinación de miles de hectáreas de vexetación no marco dunha histórica onda de calor extrema. Un panorama similar ao que se dá nos territorios norteamericanos da costa oeste dos Estados Unidos, con California como punto de máxima afectación, e na mesma latitude do Canadá cun estado climático de calor asfixiante próximo ao duplo da temperatura media normal para esta época do ano, e récord nos cincuenta graos. E lembremos que esta situación de catástrofe chegou nada menos que a estepa siberiana rusa.
Se o impacto dos lumes está a ser un elemento de alarma pola deriva climática, non podemos deixar de lembrar as pasadas inundacións dos países da Europa central e tamén, polo efecto devastador, as producidas nos países asiáticos, especialmente no chinés.
Cumpre insistir, coa teimosía lícita das evidencias, que o cambio climático é tema de máxima prioridade na axenda das autoridades políticas, axentes económicos e sociais e do conxunto da cidadanía universal. Porque, ao antedito, sumamos o feito de que case todos os glaciares do mundo están a derreterse a grande velocidade. Os furacáns son cada vez máis fortes. As secas desertizan novos territorios.
Por iso, prestemos moita atención ao informe que vai publicar a ONU, de Expertos sobre o Cambio Climático, oito anos após o último, e vexamos o incremento das emisións de gases de efecto invernadoiro ou o aumento da temperatura media mundial. Para actuar sen máis demora.