O goberno de España tivo claro dende o primeiro momento a necesidade de responder ante unha crise humanitaria sen precedentes marcando un obxectivo claro: non deixar a ninguén atrás. Malia que os acontecementos se precipitaron moito máis rápido do previsto polos líderes europeos, o goberno de Pedro Sánchez conseguiu reaccionar a tempo e poñer en marcha unha operación de evacuación e acollida de refuxiados que situou ao noso país no mapa internacional da resposta humanitaria.
Tres días despois da caída de Kabul, España estaba preparada para contar cun centro humanitario e loxístico que permitira repatriación dos traballadores afganos da Unión Europea e doutros refuxiados, ofrecendo á Unión Europea a posibilidade de repatriar e acoller a 400 membros do persoal afgano da UE e ás súas familias.
En tempo récord, un día despois, instalábase un campamento na base aérea de Torrejón de Ardoz con capacidade para funcionar como porto de chegada e asistencia a 800 persoas.
Mais o éxito da resposta non estivo só en territorio español, é importante subliñar o relevante papel desempeñado polo noso país en Afganistan, nas tarefas de evacuación da poboación afgana desde o aeroporto de Kabul. Un enorme esforzo liderado pola Embaixada e as forzas de seguridade que permitiu que, a día de hoxe, España fose capaz de ter repatriado a máis de 1.200 afganos.
Toda esta operativa do Goberno de España foi apoiada e eloxiada polos líderes europeos. A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen e o do Consello, Charles Michel visitaron a base de Torrejón para agradecer ao goberno a acollida dos refuxiados. En palabras da presidenta da Comisión: “España ten amosado humanidade e demostrado solidariedade en momentos de necesidade, é un bo exemplo da alma europea na súa máxima expresión”.
Diferentes medios de comunicación de prestixio, como o Washington Post, levaron á súa portada as operacións realizadas por España. Pedro Sánchez recibiu tamén o apoio do presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, quen vía telefónica lle agradeceu o traballo desenvolvido sobre o terreo polas tropas españolas.
O goberno de España demostrou coa xestión desta crise a enorme capacidade de resposta que temos como país e que a solidariedade é un dos valores fundamentais do noso pobo como se ten demostrado en numerosas ocasións. O esforzo do goberno, das forzas de seguridade e do servizo exterior nesta crise de Afganistán resulta difícil de cuestionar por parte de ninguén.
O PP pode pedir explicacións, lamentar que non exista un plan ou todo o que se lle ocorra para tentar sacar rédito político, mais o noso exemplo como país solidario, con capacidade de resposta e acollida púxose de manifesto aos ollos de todo o mundo, e tamén quedou clara a capacidade de resposta do Goberno que preside Pedro Sánchez.