Aldea global dispar

Asumindo que dispar é, na súa versión máis benigna, esa cousa que non é igual; ollando para o proceso universal de vacinación fronte ao andazo do Covid-19 que apenas chega ao dez por cento da poboación dos países dependentes da tecnoloxía exterior ao contar con menos recursos económicos e nula capacidade de produción industrial propia; entra na reflexión lóxica ese concepto proposto por un afamado sociólogo canadense, a nomeada “aldea global”. Só no rótulo, claro, xa que para o seu definidor, o termo fai referencia ás consecuencias socioculturais da comunicación inmediata e mundial de todo tipo de información conducida polos grandes medios, de xeito que ver e oír permanentemente persoas e fitos, como se estivésemos no momento e lugar onde ocorren, revive as condicións de vida dunha pequena aldea. Aínda así, aldea global é metáfora dese outro concepto imperante, o da globalización. Si, do proceso económico, tecnolóxico, político, social e cultural a escala mundial que provoca a inxusta dependencia que se amosa en moitos ámbitos planetarios a respecto dos estados e das empresas mercantís dominantes, verdadeiros beneficiados da teórica bondade da unión dos mercados sociais. Aquí, prima o negocio con ausencia de humanidade. Moito menos nunha pandemia que, xustamente por esa multiplicación da relación universal, afecta a todos porén con ausencia de solidariedade.


A grotesca desigualdade que se está a producir no acceso ás tecnoloxías da Covid-19 está a impedir acceder á vacina a moitas persoas nos países en desenvolvemento e é responsable dunha dramática e innecesaria perda de vidas. Esta desigualdade é produto da falta de interese que se amosou a nivel global á hora de maximizar a produción de doses e abastecer á máis grande parte da poboación mundial posíbel; á hora de asegurar prezos alcanzables; e á hora de impedir o acaparamento de doses polos países ricos e polos oligopolios farmacéuticos.


A desigualdade no acceso á vacina prolonga a pandemia e todo o sufrimento que esta provoca, aumenta o risco de resistencia ás variantes e impedirá a recuperación da economía mundial. Ademais, a cobizada inmunidade de grupo será un imposíbel ata a vacinacións de todo o mundo.


Por iso, diante da Asemblea celebrada pola Organización das Nacións Unidas, unha manchea de organizacións internacionais, enviaron pedimento aos representantes políticos alí reunidos, “apelando á súa humanidade colectiva; ao seu deber de protexer á xente das mortais variantes resistentes ás vacinas; á súa responsabilidade de facer valer o dereito á saúde en todo o mundo; e ao seu interese económico para usar este cume para corrixir os erros que se están cometendo”, liberando patentes tecnolóxicas e compartindo doses almacenadas. Decisión xusta e necesaria.

Aldea global dispar

Te puede interesar