Crieime nos Mallos. E, como calquera veciña ou veciño, non gostaría de saír á rúa co temor a ser atracado. Como tampouco gostaría de que no piso ao carón daquel no que eu moro se traficase con drogas. Por iso é necesario un plan de prevención e persecución da delincuencia.
Hai veciñas e veciños que consideran que se está a crear un estado de alarmismo excesivo, que pode acabar danando a imaxe do barrio, que advirten de que ese estado de alarma pode alimentar o discurso do odio, minando a convivencia. Pero, precisamente para evitalo, hai que actuar de inmediato. odos temos dereito á seguridade e, para que non se aproveiten os que gostan de botar gasolina ao lume, o lume hai que apagalo de inmediato.
Pero a inseguridade ten máis caras. Séntese insegura unha persoa maior que vive confinada no seu piso porque non ten ascensor. Ou que ve como o edificio no que vive, pagando unha renda antiga, baléirase e degrádase, porque os donos prefiren deixalo esmorecer para forzar a que marche.
Séntense inseguras as persoas en risco de pobreza e de exclusión social. Séntense inseguras as veciñas e veciños que viven en rúas pantasma e inhóspitas. Rúas sen comercios e con edificios en estado de abandono. Séntense inseguras as persoas mozas que non poden emanciparse.
Os Mallos, como outros moitos barrios da nosa cidade, sufriu a degradación urbanística dalgunhas zonas e a deterioración e avellentamento do seu parque de vivendas. É un barrio que padeceu a destrución de boa parte do seu tecido comercial. Un barrio humilde, de clases populares e cunha poboación cada vez máis avellentada. Un barrio cunha crecente desigualdade e colectivos e persoas en situación de vulnerabilidade.
Os problemas dos Mallos son múltiples e complexos. Se nos limitamos a apagar o lume, pero non atacamos as causas que provocan a proliferación de incendios, no futuro teremos que facer fronte a unha auténtica vaga de lumes. Por iso só son abordábeis dende unha perspectiva integral, precisamente a que informa a moción que o Pleno do Concello aprobou este xoves. Unha moción conxunta, impulsada polo BNG, e que felizmente foi aprobada por unanimidade.
Desde logo, nós imos facer todo o que estea nas nosas mans para fiscalizar o cumprimento da parte resolutiva da moción. De feito, na mesma sesión en que foi aprobada, anunciei que o BNG condicionará calquer acordo orzamentario a que os compromisos contidos nesa iniciativa teñan tradución concreta nas contas do Concello para 2021. Os Mallos merecen máis que unha declaración de intencións. Merecen políticas respaldadas con consignacións orzamentarias.