Moitas cousas boas se teñen dito estes días sobre Valeriano Martínez, e todas merecidas. Mesmo se quedan curtas para eloxiar a figura profesional de Valeriano, e aínda máis a persoal de Tito, como lle chamaban o seus amigos, entre os que teño o orgullo de atoparme.
Entramos na Xunta en maio do ano 85 –e sempre traballando xuntos salvo os anos que pasei en Madrid–, e podo asegurar que poucas persoas teñen feito tanto pola Administración autonómica como el, que dedicou máis de tres décadas e media da súa vida ao servizo público, entendido como moito máis que un emprego.
Ao longo das moitas e variadas responsabilidades que foi asumindo Valeriano, traballou sempre arreo para mellorar Galicia e a calidade de vida dos galegos. Boa parte das actuacións e medidas postas en marcha pola Administración neste século pasaron pola súas mans, e nalgúns casos saíron da súa cabeza. Foi un dos arquitectos principais da Administración autonómica e dedicou a construíla 36 dos 40 anos que ten o edificio.
Tiña Tito unha mente privilexiada e unha lucidez extraordinaria, o que unido a súa profunda capacidade analítica, e aos seus 36 anos de experiencia na construción da autonomía, lle permitía anticiparse aos acontecementos e afrontar con máximas garantías calquera situación. Un gran xestor, en resumo, que ademais fuxiu sempre de calquera protagonismo.
Como se ten indicado nos moitos eloxiosos artigos que lle teñen dedicado, e que agradecemos enormemente, sempre lle gustou estar nun discreto segundo plano. E outra das cousas que máis se teñen destacado del era a súa retranca, algo que sen dúbida o caracterizaba, xunto ao seu enxeño e a súa axilidade verbal, moitas veces temida polos que fomos os seus compañeiros.
E se hai outra cousa que marcaba a Valeriano, que non é común nun político e menos na actualidade, era a súa franqueza, afastada de calquera artificio ou circunloquio.
Porque Valeriano dicía as cousas como as sentía e xustificaba o seu carácter na súa orixe. Valeriano era 100% galego, 100% do Morrazo, e 100% de Aldán – aínda que agora, o amor incondicional a súa muller e o seu fillo, levouno a vivir en Bueu– Nada lle facía máis feliz que volver á casa con Marila e, dentro da súa discreción e humildade, só amosaba certa fachenda cando nos contaba orgulloso as evolucións do seu fillo enxeñeiro Santi, por Europa adiante. A súa vida xiraba en torno a dous eixos: a súa familia e Galicia.
Era un home familiar, orgulloso dos seus e apegado á terra e ao mar. Iluminábanselle os ollos cando amosaba fotografías dos tomates ou as xudías que recollía na súa leira, ou cando falaba do seu proxecto para recuperar unha vella embarcación tradicional coas súas propias mans.
Un galego de Aldán e da mar que tivo como principal paixón que as xentes coma el puideran estudar, ter a mellor sanidade e unha renda digna. Un exemplo de como se pode chegar ao máis alto a pulso.
Din os seus compañeiros na Consellería que a mellor homenaxe que se lle pode facer é presentar en tempo e forma un proxecto de orzamentos para 2022 que tiña case ultimado e no que traballaba cando o levou a morte de xeito inesperado.
Cumpriremos, como non podía ser doutro xeito, con este pequeno homenaxe, e
botarémoste moito en falla, amigo Valerio, o amigo que amaba a Galicia, que axudou a construír.
A súa pegada quedará nas contas de Galicia que el cadrou, antes de emprender o camiño que, antes o despois, todos debemos percorrer.
Que a terra che sexa leve.