En materia de clima e medio ambiente planetario as malas novas nunca veñen en dose individual. A xeito desa expresión de castigo que ameaza con obrigar a tomar dúas cuncas de caldo, no lugar de unha, para o caso de non gustar este típico prato da cociña popular; informe tras informe con rigor científico non paramos de ver alertas e sinais de absoluta alarma. Unha sucesión de evidencias que semella non producir reacción política e social consecuente á gravidade do asunto.
Así, da Fundación Europea do Clima chega o informe anual de Transparencia Climática, para sinalar que tras un breve período de descenso debido á pandemia do Covid-19, as emisións de gases de efecto invernadoiro están collendo novos folgos e prevese que en varios países do chamado G20, que representan o 75 por cento das emisión globais deste gas, mesmo superen os seus niveis anteriores á pandemia sanitaria, levando desde xeito ao límite do quentamento fixado nun grao e medio co que se deixa ao mundo enfrontado a eventos climáticos extremos e cada vez máis perigosos.
Por iso, o documento revela que este grupo de países “necesitarán mover montañas para garantir que aínda podamos percorrer o estreito camiño e conter o aumento de temperatura por baixo dese límite”. Cren que “por sorte, non é imposible. As tarefas están claramente definidas. Todo o que necesitamos é que os líderes dos maiores emisores do mundo dean un paso adiante e cumpran cos seus deberes pendentes”. Menos retórica e máis políticas.
Aquí, no marco do territorio estatal, a prestixiosa organización ecoloxista Greenpeace deu a coñecer o estudo “Macro granxas, veleno para a España rural. Efectos ambientais da gandería industrial”, para advertir que “estamos a vivir unha crise climática e de biodiversidade sen precedentes con consecuencias moito máis devastadoras do esperado”, algo que esixe actuar nun tempo récord se aínda cabe a esperanza de evitar que isto empeore.
Afirman que na rexión mediterránea o quentamento xa supera o límite cobizado e proba diso son os grandes incendios, as ondas de calor, as chuvias torrenciais e máis aínda outros fenómenos aos que agora, co modelo gandeiro denunciado, debemos sumar o efecto na contaminación das augas pola utilización dos nitratos, incluídas as soterradas, contrariando o modelo de gandería tradicional respectuoso co medio ambiente. Un desafío ao poder político do que non se tira proveito algún en favor do medio rural, senón que suma mais risco de desertización. Tan claro como auga cristalina.