parte máis prosaica e menos lucida do traballo público é, seguramente, a xestión tributaria. A política fiscal ten menor proxección que a cultural, deportiva ou urbanística, mais nada do que se leva a cabo desde o público existiría sen a xestión tributaria. Dito doutra maneira: sen política fiscal, non hai política.
A política fiscal non so é a base de toda política, senón que tamén é a mellor carta de presentación de calquera goberno. O de Inés Rey, grazas ao diálogo e as aportacións da Marea Atlántica, vén de pechar o acordo para a modificación de 14 ordenanzas fiscais e de prestacións patrimoniais de servizos públicos. Os cambios levados a cabo definen perfectamente o ADN dun goberno progresista. Na Coruña pagarán menos taxas e impostos as familias numerosas e monoparentais, pagarán menos os que aposten por reciclar máis e contaminar menos, pagarán menos as asociacións e entidades sen ánimo de lucro, pagarán menos as empresas que obtiveron rendementos económicos negativos. Pola contra, pagarán máis (de feito, pagarán, porque ata agora non o facían) as grandes compañías de telefonía móbil por ocupación do espazo público. Pagarán tamén por primeira vez as vivendas vacacionais, e pagarán máis tamén a banca e as empresas que empregan o espazo público con distintos fins lucrativos.
Foi este mesmo goberno municipal o que rebaixou as plusvalía por herdanza de vivenda habitual ás rendas máis baixas. O mesmo goberno que converteu en gratuítas as escolas infantís municipais, e o mesmo tamén que subiu as taxas que aboan os caixeiros e os salóns de xogos.
Nun tempo tan complexo como o que arrincou en marzo do 2020 coa pandemia, o Concello da Coruña deixou de cobrar a taxa de terrazas e minorou ou anulou os recibos da auga, sumidoiros e recollida de lixo a milleiros de negocios afectados polas restricións.
Esta enumeración de medidas fiscais non é froito de percepcións subxectivas, senón que recolle os datos publicados nos boletíns oficiais. Esta é a carta de presentación dun goberno progresista, que sabe cal é o camiño a seguir e que busca crear unha sociedade máis xusta e máis equilibrada. É a presentación tamén dun goberno que dialoga e alcanza acordos en beneficio dos cidadáns, uns cidadáns que teñen que contribuír ao público na medida das súas capacidades e que teñen que recibir desde o público a atención precisa na medida das súas necesidades. Ao final, ese é o obxectivo de toda política progresista, o de acadar unha maior xustiza social eliminando privilexios e facendo que contribúa máis á caixa común o que máis ten, e menos o que carece de recursos. A Coruña é hoxe unha cidade máis xusta, e o será aínda máis o ano que vén tras a aprobación das novas ordenanzas. Queda moito por facer, mais non nos afastamos do camiño trazado.