O documental ‘A vivenda, un ben social?’, dirixido por Sagrario Fernández e Xosé Bocixa, aborda o dereito a un fogar digno en Galicia desde a ollada do Traballo Social. No documental, achéganse testemuñas de persoas usuarias e de profesionais dos servizos sociais, así como de académicos e políticos.
Tal como afirma Sagrario Fernández, Traballadora Social e codirectora do documental explica: “O documental xurdiu porque tiñamos moitos problemas para dar alternativas habitacionais desde os servizos sociais. Entón, unha compañeira e mais eu fixemos un estudo das axudas que había para poder acceder a unha vivenda. Encontrámonos con que as axudas nin sequera chegaban á xente, é dicir, os requisitos eran tales que precisamente as persoas con menos posibilidades eran as que máis quedaban fóra do sistema, debido a que por unhas cousas ou por outras non cumprían os requisitos. As axudas máis xeneralizadas que eran as subvencións ao aluguer non daban para satisfacer a demanda nin da metade dos solicitantes; á parte de que moitas veces os prazos para solicitalas eran mínimos”.
Miriam Rodríguez, Presidenta do Colexio de Traballo Social de Galicia en relación co contido do documental afirma, que a vivenda debe ser digna e segura, dado que esta é a base para poder construír unha vida, e culturalmente temos que asumir que así debe ser para exixir que non sexa un ben de luxo como o é agora en moitas ocasións. Ademais, engade, débense ter en conta o deseño das vivendas e o entorno que as rodea, desfrutando tamén duns espazos comúns coidados e que constrúan comunidade.
A presentación do documental será o día 1 de decembro ás 19:00 horas no Salón de actos da Deputación de Lugo, e contará cunha mesa Redonda da man de Miriam Rodríguez, Presidenta do Colexio de Traballo Social de Galicia, Sagrario Fernández Méndez e Xosé Bocixa, coautores do documental e coas convidadas e convidados especiais: Carmen Figueiras, Presidenta do Colexio de Arquitectos de Lugo e Plácido Lizancos, Director da Escola Técnica Superior de Arquitectos da Coruña, como broche de ouro este evento pechará coa actuación da cantante Branca Villares.