O socialismo galego abriu unha nova etapa da súa historia esta fin de semana coa celebración do seu 14 Congreso. Unha nova etapa na que os socialistas saímos coa convicción de que temos que mirar cada adiante e deixarlles ver aos galegos que existe unha alternativa real ao goberno do PP.
Do Congreso saiu un proxecto de ilusión, desde a esquerda, que quere construír un país. Un proxecto dunha forza política que non se resigna a ser terceira, que quere aportar toda a súa capacidade de xestión, demostrada en centos de Concellos e en tres deputacións, para construír unha Galicia mellor.
O novo Secretario Xeral, Valentín González Formoso demostrou coa conformación da nova dirección que cumpriu cun dos seus principais compromisos durante o proceso de primarias: favorecer a integración, e para iso apostou por contar con todo o talento que ten o partido socialista para poñelo ao servizo da cidadanía. O apoio recibido á súa proposta de dirección pon de manifesto que conta co respaldo maioritario do partido para liderar esta nova etapa.
É tempo agora de poñernos a traballar para dar resposta aos problemas da sociedade e para recuperar o espazo que nos corresponde como alternativa de goberno.
É tempo de poñer en marcha políticas económicas que permitan que as nosas mozas e mozos poidan seguir vivindo onde naceron, políticas que garantan o mantemento da nosa industria e que dean vida tamén ao noso rural. Políticas tamén que aposten pola sostenibilidade e pola innovación, que permitan o desenvolvemento da nosa sociedade apostando por empregos de calidade nos novos sectores produtivos.
É tempo de potenciar ese motor do cambio social que é a educación pública, para convertela de novo en terra xeradora de oportunidades. É tempo de poñer en marcha políticas capaces de dar respaldo a quen realmente o precisa, de apostar firmemente pola igualdade en todos os ámbitos cunha redistribución máis xusta dos recursos.
É tempo, en fin, de que o socialismo agrome, de que demostre novamente e con máis forza do que é capaz. Hoxe somos máis fortes.
É tempo, en fin, de que o socialismo agrome, de que demostre novamente e con máis forza do que é capaz. Hoxe somos máis fortes. Hoxe empezamos un novo camiño que non ten outro final que facer que Galicia avance. Esa é a nosa obriga. Esa é a nosa paixón.