Grandes espellos nas cidades de Galicia para animar os mozos a falar galego

Grandes espellos nas cidades de Galicia para animar os mozos a falar galego
Un momento da presentación da campaña, na praza de Vigo/Xunta

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade coloca grandes espellos en distintas cidades galegas, no marco da campaña “Saca o galego que levas dentro”, que busca animar os mozos para falar galego compartindo as súas fotos nas redes sociais.


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este martes na Praza de Vigo da Coruña na presentación desta nova iniciativa da Xunta, que arranca simultaneamente na cidade herculina e en Ferrol.


“Galicia e os galegos e galegas temos un gran tesouro, a nosa lingua, un símbolo de riqueza cultural, social, histórica e comunicativa, ademais dunha ferramenta de moi notable utilidade que nos permite comunicarnos mesmo alén das nosas fronteiras”, subliñou o responsable autonómico.


Esta acción pretende poñer en valor a lingua propia entre toda a sociedade, destacar a súa importancia como chave da identidade galega, alimentar o arraigamento, o orgullo e o sentimento de pertenza e fomentar o seu uso entre todos os galegos e galegas.


A campaña consiste na itinerancia polas catro provincias dunhas estruturas xigantes con espellos nos que os viandantes poden verse reflectidos á vez que len a mensaxe “Din que a beleza está no interior. E ti gardas unha lingua fermosa! Saca o galego que levas dentro”.


A Praza de Vigo da Coruña e a Praza de Armas de Ferrol contan desde agora cunha estrutura de 1,50 metros x 2,20 metros formada por catro caras, tres delas cubertas por un espello no que os viandantes poden verse reflectidos baixo o lema da campaña, que se estenderá ao longo deste mes de decembro.


En declaracións a Efe, Valentín García avanzou que poñerán en marcha, de maneira complementaria, a campaña “Dálle á lingua” dirixida a nenos e nenas, mediante a cal repartirán gorras, camisetas e outro tipo de 'merchandising' nos parques.

Grandes espellos nas cidades de Galicia para animar os mozos a falar galego

Te puede interesar