639 días apoiando á cidade

Hai 639 días as vidas, as nosas e as de todas e todos, cambiaron radicalmente. Hai 639 días que se declarou unha pandemia que mudou a nosa cidade, o noso país, o noso mundo. Por moito que hoxe as máscaras formen parte da paisaxe humana, por moito que esteamos acostumados a recoñecernos polos ollos, por moito que as vacinas deambulen polo vocabulario cotiá, o certo é que seguimos a vivir unha situación excepcional. A tan ansiada normalidade faise agardar e seguramente aínda non está cerca. Digo isto porque é unha tendencia natural a de acabar por normalizar o excepcional cando o excepcional se prolonga no tempo. Mais é bo non perder a perspectiva e non baixar os brazos diante dunha realidade que queremos deixar atrás o antes posible. Por iso o Concello da Coruña, baixo o goberno de Inés Rey, é hoxe dos poucos en España que teñen activos plans de recuperación para seguir a facer fronte aos efectos dunha pandemia que segue a afectar a moitos colectivos.


Este Nadal o Concello da Coruña reforzou á súa programación de Nadal mediante o segundo plan de recuperación, o novo Presco, e o fixo non só para mellorar e ampliar a oferta cultural e de lecer para os cidadáns, senón sobre todo para axudar aos artistas locais nun momento que segue a ser especialmente duro no seu sector. Este Nadal, salpicado por novas restricións -aínda que máis brandas que as vividas-, o Concello da Coruña segue a ter activos bonos para incentivar o consumo no sector cultural, na hostalaría, nas perruquerías e no taxi. O Concello leva mobilizadas vendas na cidade por valor de 3 millóns de euros grazas aos seus incentivos. Máis de 50.000 bonos descargados poñen de manifesto o interese que ten xerado na cidade o segundo plan municipal. Non hai, seguramente, ningún Concello do tamaño da Coruña que teña investidos 20 millóns de euros en axudar a reactivar o seu tecido económico.


Sen pretender que o traballo dun concello sexa capaz de reverter unha situación como a que estamos a vivir, si é certo que o da Coruña puxo un importante grao de area, como milleiros de pequenos negocios desta cidade poderán constatar. 639 días despois, aí seguimos, traballando e apoiando para minimizar os danos. Non sabemos como será o mundo que nos atopemos cando todo isto pase, mais si sabemos que mentres non o faga é o noso deber como Administración pública poñer sobre a mesa os recursos precisos para prantar cara a unha excepcionalidade que nin queremos nin debemos aceptar. Hai moitos anos que a nosa sociedade non vive tensións como as que agora nos ameazan, mais hai tamén moitos anos que desde o público non se toman medidas de tal calado como as que se tomaron en Europa e en España, unhas medidas que evitaron que as costuras da nosa civilización cederan. Aí seguimos, tamén na Coruña, contribuíndo na medida das nosas posibilidades a que cada un deses 639 días fora algo máis leve do que tería sido sen o apoio público.

639 días apoiando á cidade

Te puede interesar