Hoxe verá a luz o novo traballo discográfico de Amoebo, ‘Escándalo no escuro’. Trátase dun dobre LP no que non faltará a característica enerxía do proxecto, mais no que dan un paso máis para explorar novos horizontes musicais e temáticos. Nunha semana, o vindeiro 14 de marzo, presentarán o disco no Garufa Club (22.00 horas), onde estarán acompañados por “amigos” como French Riviera, Filloas, Hydn, Mayra de Leria e Alfonso de Capital Voskov.
Aaron Valle, alma máter de Amoebo, explica que do disco que ve hoxe a luz a xente “pode esperar moito máis do que xa había”, aínda que con matices. “É verdade que é un pouquiño máis escuro, pero é enérxico, como toda a nosa música, moi para bailar, moi para a festa, pero vai sorprender, tanto a nivel temático como a nivel de enerxía”, conta.
O disco ten dúas caras que se contrapoñen e, ao mesmo tempo, se complementan. “Cando estabamos a compoñer, tanto eu coma David (Fernández) levabamos nas demos dúas sintonías”, explica Valle en relación ás dúas partes do disco. Deste xeito, hai “unha cara A con moita paixón, que fala moito de sexo, dos corpos, do amor, unha cara máis romántica, entre comiñas”, explica Valle, que engade que, por contra, “na cara B miro máis para dentro, para o que é a miña situación nesta carreira, que é Amoebo, o que implica estar na industria, falo de ambición, de medos e do ego”, resume.
‘Escándalo no escuro’ será o seu terceiro traballo en pouco máis de tres anos de vida do proxecto, tras un primeiro EP e ‘Cada vez mellor’, o primeiro LP. Os tres son o resumo dun camiño no que comezaron experimentando con todo tipo de sonidos, “había merengue, unha cumbia, un tema que era moi trap, logo un cha cha chá, era un pouco raro”, recoñece entre risos. Xa no disco empezou a aflorar máis esa enerxía que caracteriza a Amoebo. Este novo traballo é, por tanto, “unha evolución dos sinxelos de ‘Cada vez mellor’”.
Valle promete que a enerxía que caracteriza os directos non decaerá, todo o contrario. “O público pode esperar máis e mellor”, di entre risas. “Concebimos Amoebo como un show completo, non só como música en directo, por iso a incorporación do corpo de baile, a escenografía, as coreografías... o público vai ver o que viron nos últimos shows do 2024, pero multiplicado por dez”.
O proxecto naceu no 2022 e creceu moi rápido, algo que reafirma o propio Valle. “Son tres anos e, a verdade, parece que levamos aquí a hostia de tempo facendo isto, porque pasou todo moi rápido”.
“Sacamos o EP coa esperanza de tocar nalgunha sala, presentámonos a Sonidos Mans, aparecemos no Festival da Luz ante non sei cantas persona, para min eran millóns, vimos que o chollo funcionaba e comezamos a enfocar un pouco máis o traballo con máis aspiración”, explica Valle. Foron investigando e centrando o proxecto e, o verán pasado “foi unha animalaada, tivemos moita sorte”. Agora, para o futuro, asegura estar cos pés na terra, “pero queremos seguir rodando, seguir mellorando como artistas e aparecer en máis sitios ata conquistar Galicia”.