A APC dedica o Premio Pérez Lugín ao centenario da Terraza e a súa vinculación co xornalismo na Coruña

A APC dedica o Premio Pérez Lugín ao centenario da Terraza e a súa vinculación co xornalismo na Coruña
Foto: Patricia G. Fraga

O Premio Alejandro Pérez Lugín terá este ano como lema “Desde a Terraza do xornalismo coruñés” e estará dedicado ao edificio da Terraza, que cumpre 100 anos neste 2022, debido á súa particular vinculación co xornalismo, debido a que desde fai case corenta anos é a delegación de Televisión Española na Coruña e, desde moito antes, a sede de Radio Nacional de España en Galicia.

 

A Asociación da Prensa da Coruña quixo unir, como adoita ser habitual neste premio, a tradición dun inmoble histórico co xornalismo que se exerce no interior, querendo na que é xa a 82 edición do Pérez Lugín poñer o foco de maneira especial sobre a radio e a televisión. Ademais de acoller desde hai décadas a quen fai as noticias, o propio edificio tamén está de actualidade, tras o anuncio do Concello da Coruña de que o palacete sería a súa proposta como sede no caso de que a cidade sexa elixida para acoller a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, o que daría unha vida nova a un inmoble histórico e de referencia no imaxinario coruñés.

 

Poderán participar no certame cantas persoas así o desexen, coa condición de que cada concursante só poderá presentar un traballo encadrado en calquera xénero xornalístico. Os traballos han ser inéditos e poderán ser escritos indistintamente en galego ou en castelán. Terán unha extensión máxima de tres folios ou 5.100 caracteres.

 

O prazo de presentación de orixinais finaliza o próximo día 9 de decembro e o fallo do xurado cualificador, composto pola actual directiva da Asociación da Prensa, un representante do Concello, e o director de TVE en Galicia, Ramón Valles, darase a coñecer a mediados de decembro. Nesta ocasión e debido a que os gañadores de 2019, Rodri Suárez, e 2020, Suso Martínez, pola pandemia, non puideron participar na reunión de maneira presencial co resto do xurado, convidaráselles tamén a estar presentes, do mesmo xeito que, como vén sendo tradición, tamén estará o último galardoado, que en 2021 foi o fotoperiodista Javier Quintana.

 

As obras, inéditas, enviaranse en papel por correo certificado e en soporte informático (formato Word ou PDF), á Asociación da Prensa da Coruña, en sobre pechado e á dirección C/ Durán Loriga, 10-4. 15003, A Coruña. O sobre levará un pseudónimo e un lema e a indicación “Premio Pérez Lugín”.

 

Igualmente, dentro incorporarase outro sobre máis pequeno, co lema e o pseudónimo no exterior. Dentro deste incluiranse os datos do autor (nome e apelidos, dirección, teléfono de contacto) e un breve currículo. Tamén se poderán enviar os traballos a través dun correo electrónico creado co pseudónimo baixo o que se presenta o autor e co mesmo lema no asunto. De ningún xeito poderá identificarse á persoa que se presenta a través do correo electrónico ou o traballo quedará automaticamente eliminado.

 

O envío do correo electrónico non exime do envío do sobre co traballo en papel e, no interior, o sobre pechado cos datos persoais, que debe ser enviado de forma física á dirección postal da asociación.

 

 

Historial do Pérez Lugín

Este ano o Premio Pérez Lugín alcanza a súa edición número 82. En 1936, a viúva do xenial escritor da Casa da Troya creou unha fundación co nome do seu marido, dotándoa dun capital, depositado no Banco Pastor, con cuxos intereses debería concederse o premio, segundo rezaba textualmente “ao mellor traballo literario que se presente sobre un tema de Galicia enxalzando a mesma”. Pero non foi ata 1941 cando se creou o premio. Naquel ano o gañador, o primeiro da historia, foi Eduardo Pérez Hervada. Desde entón obtivérono destacados xornalistas e escritores. A listaxe inclúe a Ezequiel Pérez Montes (1963), Emilio Quesada (1964) ou Anxo Padín (1999).

 

Nos últimos anos, os gañadores foron Jorge Pan Varea (en 2018, aínda que tamén o gañaba en 2015), Rodri Suárez (2019), Suso Martínez (2020) e Javier Quintana (en 2021, aínda que tamén o gañou en 2009). A primeira muller galardoada co Pérez Lugín foi Mercedes Modroño (1989), á que sucederon Cristina Amenedo (1995), Lola Roel (1996) e María del Rosario Martínez Martínez (2007).

A APC dedica o Premio Pérez Lugín ao centenario da Terraza e a súa vinculación co xornalismo na Coruña

Te puede interesar