‘A arte de ser (mal) pai’, un círculo pechado que pretende ser aínda máis

Jorge Boquete e Óscar Cruz firman a webserie que entrou este mes na plataforma da TVG, Agalega.gal, que os fixo gañar un Mestre Mateo
‘A arte de ser (mal) pai’, un círculo pechado que pretende ser aínda máis
Óscar Cruz e Jorge Boquete, na redacción de El Ideal Gallego | Quintana

Como se de pechar un círculo se tratase. Hai unhas semanas, a plataforma da TVG Agalega.gal estreou ‘A arte de ser (mal) pai’, do director Jorge Boquete e do guionista Óscar Cruz, un proxecto que naceu hai uns anos e que fixo o percorrido completo por festivais. Un percorrido que ambos rememoran cun sorriso e que viaxa desde o 2021. “Isto foi moi bonito”, asegura Cruz. Escribiron o guión no 21, gravaron no 22, comezaron o percorrido de festivais no 23, no 24 gañaron o Mestre Mateo a mellor serie web “e rematamos, por así dicilo”, apunta Cruz sobre a estrea en Agalega.gal, onde nas súas primeiras semanas foron un dos contidos máis vistos.


E o proxecto naceu polo interese de ambos en traballar con Xosé Manuel Esperante. Con el e cun neno, ou nena. “Era unha cousa que sempre nos gustou, as historias de ‘pandillas' adolescentes, ‘Los Goonies’ e este tipo de historias, e xuntamos estas dúas cousas neste proxecto que escribu Óscar”, resume Boquete. Con Esperante xa traballaran previamente en ‘Peter Brandon’, “alí descubrimos o pedazo de actor que era”, engade Boquete, que o define como “un actor absolutamente kamikaze, é un tipo que se lle propós que salte dunha ponte, el salta e logo pregunta”, comenta sen aguantar a gargallada, antes de continuar: “É un actor que pon as cousas superfáciles”.


A historia xurdiu fácil, tal e como conta Cruz, “porque era Esperante e unha nena e apareceu esta historia que creo que necesitabamos nós tamén, que é madurar, pararse a pensar un pouco as cousas e aceptar todo o feito”. “É unha historia de madurez, dende os dous puntos de vista: Esperante é un adolescente nun corpo dunha persona maior e Jacoba (de Llano) é unha adolescente de verdade”, completa Boquete.
 

O percorrido antes de aterrar na plataforma pasou por unha vaga de “primeiras veces”. Como “chegar a Marsella, que levabamos anos querendo chegar” ou participar, e gañar premios, en eventos como Serielizados. “Nós alí eramos ‘os galegos’ e por alí estaban o de ‘Succession’, Berto Romero, Los Javis con ‘La Mesías’...” lembra Cruz, mentres completa Boquete: “E alí competimos cunha serie duns rapaces que traballaban de guionistas en ‘La Resistencia’, contra un dos de ‘Crackovia’... xente moi potente”. O feedback en todo o proceso foi bo e “un paso cara a profesionalización”. 

 

Motivo polo que a aposta de Agalega.gal parécelles “unha oportunidade enorme”. Principalmente para a creación de novos públicos, “canteira de público”, como din ambos. Pero tamén como lugar para centralizar contidos, algo que radicará en “que a xente coñeza que se están facendo cousas”. Agora teñen claro que o seguinte paso é seguir a historia de ‘A arte de ser (mal) pai’. “Hai dúas formas, unha é a segunda temporada” ou unha idea aínda máis grande: a película. “A serie foi o ensaio, sentimos que estamos no momento”, di Boquete.

 

Máis de dez anos


Cruz e Boquete coñecéronse na facultade de Comunicación da UDC. “No 2013 ou por aí, non?”, rememora Cruz cuestionando a Boquete. “Nunha curta que estaba facendo Óscar, que nunca se montou”, responde Boquete. A primeira serie que fixeron xuntos foi ‘Conversas con Cunqueiro’: “Molounos a experiencia, non só de facer e de contar”.


Pero para gravar, había que buscar material. “Tivemos ata que falsificar firmas para que nos deran material para gravar as nosas series mentres non gravabamos os proxectos que tiñamos que facer para clase”, apunta Cruz entre risos. E aquí lembran o apoio fundamental de profesores “como Manu García, de Realización, para sacar material, profesores que confiaron e grazas a eles gañamos o Mestre Mateo”. 

‘A arte de ser (mal) pai’, un círculo pechado que pretende ser aínda máis

Te puede interesar