Abrirá a sesión do tarde do venres, ás 19:00 horas, o documental Memoria LGTBI+, dirixido polos coruñeses Ana Sanmartín, Fito Ferreiro e Domingo D. Docampo. A necesidade de manter viva a memoria do colectivo levou ao equipo deste documental a entrevistar cinco persoas maiores. O resumo das conversas deu como resultado un traballo que este venres poderemos ver no Teatro Colón e que presentarán o equipo de dirección e os seus protagonistas.
Desde Arxentina chegan as curtametraxes Yenny e Ena. A primeira visibiliza a realidade da transexualidade na infancia e destaca a importancia da figura dos avós. Ena é unha historia que explora a identidade desde unha perspectiva interxeracional.
Volveremos sobre o colectivo transexual con Isleteñas, documental no que as tres protagonistas narran con humor, crueza e sensibilidade a persecución que sufriron na dictadura franquista.
Para a sesión nocturna, a partir das 21:00 horas, quedan a cinta polaca Kobieta Z… (Women of), a loita pola súa liberdade persoal e identidade dunha muller trans, casada e con fillos; e as curtametraxes españolas A la carta, un traballo que mostra a importancia da búsqueda da identidade de xénero, e Transición, sobre o abandono das persoas trans na terceira idade. Esta última está protagonizada pola canaria Celeste González, unha artista que debutou como actriz na compañía galega Matarile, coa que fixo dez espectáculos entre 2007 e 2023.
As entradas para cada sesión custan tres euros e pódense retirar en ataquilla.com ou no despacho de billetes ás portas do teatro. Norte Cinema Diverso está organizado pola asociación Palestra, a cinemateca Pedro Zerolo e o concello da Coruña, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual e a Universidade da Coruña.