A Casa do Estudantado da Universidade da Coruña, no campus universitario de Elviña, acolleu esta mañá o acto de recoñecemento e entrega do Selo de Grao de Excelencia ás titulacións de Enxeñaría Informática e Fisioterapia que se imparten na UDC. Esta distinción, concedida pola Xunta de Galicia, outórgase para seis cursos académicos, con seguimentos anuais e posibilidade de renovación por períodos sucesivos de igual duración.
No acto, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; e o reitor da UDC, Ricardo Cao, entregaron cadansúa placa distintiva á decana de Fisioterapia, María Luz González Doniz, e ao decano de Informática, Mariano Cabrero Canosa, respectivamente.
O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, salientou o éxito conseguido pola UDC na que é a primeira convocatoria deste selo, ao facerse Fisioterapia e Enxeñaría Informática con dúas das tres únicas distincións outorgadas aos graos impartidos no SUG no curso 2022/2023. Un importante recoñecemento que, segundo o reitor, “amosa a capacidade, talento e motivación dos diferentes equipos docentes das facultades de Fisioterapia e Informática”, onde se imparten as titulacións distinguidas.
Cao afirmou que este éxito se enmarca no traballo que realiza a UDC por adaptar a Universidade ás novas demandas e esixencias dunha sociedade en permanente cambio. “Un camiño no que a calidade da formación que se ofrece é un factor clave para seguir avanzando a prol dunha educación pública superior competitiva e na procura da mellora continua”, engadiu.
Asi mesmo, o reitor da UDC salientou que a correlación entre sociedade, formación e investigación é un dos piares sobre os que se asenta a universidade actual, pero tamén a do futuro. E, neste sentido, afirmou, “as dúas facultades distinguidas teñen este triángulo ben implementado, pois a súa interlocución co tecido empresarial e institucional é permanente”.
Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, felicitou aos graos recoñecidos e subliñou que a Xunta traballa “en conxunto coas universidades para blindar e reforzar os éxitos da nosa oferta e asentar o camiño de vangarda e excelencia”, referíndose ao Selo de Excelencia como un “distintivo que certifica o alto nivel académico destes graos e resalta o seu potencial transformador”.
Entre os méritos do Grao en Fisioterapia da UDC para facerse co Selo de Excelencia cabe salientar a súa elevada inserción laboral, na que xogan un papel esencial os convenios coas máis de 30 entidades coas que se traballa de xeito permanente; así como tamén a internacionalización. Estes dous aspectos son hoxe en día esenciais na captación de alumnado para a UDC.
O traballo realizado polos equipos desta facultade ten permitido que se sitúe entre os centros de referencia nacional na formación de fisioterapeutas, cunha titulación que se atopa entre as 50 con maior demanda no noso país.
Polo que respecta ao Grao en Enxeñaría Informática (GEI), a titulación destaca pola súa formación práctica e por ser un dos graos bilingües da Universidade que mantén colaboración cunha trintena de empresas nas que os estudantes de 4º curso realizan as prácticas cada ano. Ademais, con 270 novos estudantes matriculados anuais, o GEI é un dos graos dos de maior demanda da UDC.
Estes datos avalan o moito traballo que se realiza na Facultade de Informática, única en Galicia en impartir as cinco especialidades de Enxeñería Informática, que conta co selo de calidade europeo EUROINF.
Este centro, que conta con 1800 alumnos, oferta 3 graos e 11 másters, dos que 5 foron recoñecidos tamén con selo de excelencia.
Ademais do conselleiro Román Rodríguez e o reitor Ricardo Cao, no acto desta mañá tamén participou o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da UDC, Moisés Canle; así como o secretario Xeral e a subdirectora Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez e María Beatriz Soutelo.