O BNG defenderá no pleno que A Coruña se adhira a Queremos Galego

O Bloque insta o Goberno local a elaborar xa o Plan de Normalización Lingüística
O BNG defenderá no pleno que A Coruña se adhira a Queremos Galego
David Soto, Jorquera, Queixas e Avia Veira | Quintana

A concelleira do BNG Mercedes Queixas vai defender, no Pleno ordinario do vindeiro mércores, unha moción por medio da cal insta o Goberno local a elaborar xa o Plan de Normalización Lingüística previsto na Ordenanza sobre o idioma de que se dotou o Concello o 3 de xuño de 2021 e que se adhira á plataforma Queremos Galego.


Non é a única previsión da Ordenanza que fica por se materializar: tampouco se creou o Consello Local da Lingua, denuncia Queixas, quen pide que se constitúa no primeiro semestre de 2025.


A iniciativa persegue reforzar as accións destinadas a normalizar o uso da nosa lingua na cidade, nun contexto marcado polos últimos datos dispoñíbeis, francamente negativos, feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística.


“No caso da Coruña”, anota Queixas na exposición de motivos da moción, “o retroceso da poboación galegofalante é moi significativo, sendo, de entre todas as áreas urbanas, a de maior retroceso no uso do idioma, cun 25%”. Na nosa cidade, acrecenta, “a porcentaxe de persoas que só falan castelán e que en ningún momento usan o galego é do 60% (once puntos máis que hai cinco anos”.


Cómpre, por tanto, que o Goberno Local empregue a ferramenta de que dispón, a Ordenanza da Lingua, “para contribuír a que o galego avance no camiño da normalización e free o actual proceso de substitución lingüística”.


A iniciativa tamén lle pon deberes á Xunta, a institución que debería termar da lingua e cuxas políticas son directamente responsábeis do seu retroceso. Así, o BNG pídelle ao Goberno galego que aplique o Plan Xeral de Normalización aprobada por unanimidade no Parlamento galego en 2004, ben como tamén que derrogue o decreto 79/2010 chamado de plurilingüismo (factor de desgaleguización das aulas) e que recupere o papel normalizador da TVG, con especial destaque para o despregamento de programación dedicada ao público infantil.
 

O BNG defenderá no pleno que A Coruña se adhira a Queremos Galego

Te puede interesar