Budiño | “Os festivais non deben ter prexuízos, o galego está vendendo”

Budiño | “Os festivais non deben ter prexuízos, o galego está vendendo”
Budiño con De Vacas, con quen firma o tema 'Fonte de amorar'

Xosé Manuel Budiño (Moaña, 1969) toca este sábado, día 24, no ciclo ‘Folk no Colón’, onde chega co seu oitavo disco baixo o brazo, ‘Branca vela’.

 

Como de importantes son iniciativas como ‘Folk no Colón’ para dar valor á música tradicional? 
Estamos moi contentas de que contasen con nós, ademais non actúo no Colón desde o primeiro disco, ‘Paralaia’,  e xa tocaba. Parte da banda, o estudio onde gravamos, Drum & Roll, e as Libeliñas e Tarandeiras de Xacarandaina, 21 rapazas que me acompañan, son da Coruña, así que temos moitas ganas de estrear a xira aí. 

Que particularidade ten este novo traballo, ‘Branca vela’? 
Dalgunha forma quería reconectar coas miñas primeiras experiencias na música, tocaba moito para grupos de baile, en cuartetos de gaita... recuperar os códigos, os ritmos e os instrumentos de entonces e levalo a hoxe en día, coa parte electrónica en conexión de forma natural coa tradicional, e seguir evolucionando como levo facendo toda a miña carreira.

 

Esa parte electrónica que o acompaña dende sempre. 
Empecei a xogar coa electrónica hai vinte anos, no terceiro disco, ‘Zume de terra’, foi unha aposta, pero agora xa o sinto dunha forma moi natural, tanto no disco como no espectáculo está moi presente a electrónica e a tecnoloxía. Podemos ter as convidadas en directo pero estarán tamén Leilía, que acaban de deixar os escenarios, a través da nosa pantalla de cinco metros. 


É un espectáculo audiovisual ao grande e non un concerto de música tradicional ao uso. 
Ten moito traballo detrás e queremos levalo por toda Galicia este ano. Teño a sorte de contar con Tania Caamaño, Andrés Boutureira, Fran Barcia e Inés Salvad, ademais das mozas de Xacarandaina, na miña banda, e outros colaboradores. É un espectáculo moi coidado.

 

Estamos a vivir un ‘boom’ da música galega. Como o valora? 
Temos moi boa conexión con todas estas novas xeracións da música galega, que tamén están descubrindo artistas que non coñecían e que fixeron posible que a súa música estea onde está. Leilía ou Mercedes Peón fixeron un traballo importantísimo, non só de recollida senón tamén de composición. Hai 20 anos Mercedes ou eu xa usabamos a electrónica e temos contacto con estes músicos que están levando moitísima xente nova aos concertos. Os festivais teñen que poñerse as pilas porque a música en galego está vendendo tickets. É importante dar un toque de atención para que teña máis presenza, o público novo escoita en galego, en inglés, en castelán ou calquera idioma.

 

Non ten a sensación de que os festivais de Galicia son o mesmo con diferente nome? 
Hai que adaptarse ao que está pedindo a xente. Levo vinte e pico anos viaxando por todo o mundo e vin festivais enormes onde se mestura todo tipo de música. Agora iso se está empezando a ver aquí, non debe haber prexuízos, podes estar cantando en galego e despois ver a unha superestrela internacional que canta noutro idioma.

Budiño | “Os festivais non deben ter prexuízos, o galego está vendendo”

Te puede interesar