“Absolutamente emocionada” estaba onte Eva Veiga (Pontedeume, 1961) logo de coñecer que a Academia Galega do Audiovisual decidira concederlle o premio de Honra Fernando Rey na gala dos Mestre Mateo que se celebrará o vindeiro 23 de marzo no Coliseum. É o recoñecemento a unha pioneira da TVG que agora goza dunha “segunda vida” no sector da man da cineasta Margarita Ledo.
Os premios nunca se esperan. Que sente tras coñecer a decisión do sector audiovisual galego?
Exacto. Os premios nunca se esperan e, no meu caso, aínda menos. É unha das sorpresas máis grandes que teño levado na miña vida porque hai moito tempo diso. Ás veces pensas que o traballo que realizas queda no esquezo e eu son das persoas que cren que todo xesto ou todo acto fai mundo, constrúe. Amei moitísimo ese traballo, entregueille a vida, atopei nel aquilo que me satisfacía e me enchía plenamente. Pero tamén era un traballo moi sacrificado. No meu caso tiven a sorte de facer certos programas naquel tempo no que os medios eran escasos. Empreguei moito de min aí, pero non só eu, senón os equipos cos que traballei, porque xa se sabe que no medio audiovisual un individuo non fai nada, sempre hai un equipo que constrúe. O premio aínda é máis emocionante porque é un galardón para todas aquelas persoas que traballamos xuntas.
Pasou moito tempo desde que a TVG comezaba a andar. O máis emocionante é constatar que o audiovisual galego ten memoria?
Iso é fulcral, é exactamente iso. O que me emociona deste premio é que o audiovisual teña memoria. E paréceme case inconcibible nun mundo no que todo pasa a unha velocidade vertixinosa. Este premio enténdoo como un recoñecemento a unha televisión moi ilusionante e a uns equipos de persoas que criamos niso. Criamos de corazón niso, entregabámonos á causa, traballando moitísimo porque criamos nesa televisión, nun servizo público co que tiñamos que dar conta de Galicia, de creala. E que exista esa memoria é a razón fundamental de que este premio sexa tan importante para min. Non me entendo como individuo isolado, senón formando parte dunha comunidade, dunha sociedade, e sentindo esa responsabilidade.
Perdeuse a vocación?
É que o corpo cansa. Cando non se cre nun proxecto creativo, a xente que é creativa acaba aborrecéndoo, acaba enfermando. Cando cres nun proxecto creativo pos nel toda a alma. Se iso se frustra continuamente... Nos medios, sobre todo na televisión, non todos temos que estar en pantalla todo o tempo, pero tes que ter a posibilidade de dar o mellor de ti. Cando iso non é posible frustra, e non é que acabe coa vocación, é que enfermas.
Como foi o de engancharse ao audiovisual de novo da man de Margarita Ledo?
Margarita Ledo é alguén moi, moi importante na miña vida, nesta nova vida. Primeiro, porque con ‘A cicatriz branca’ comecei cunha escritora, unha xornalista, unha persoa que admirei toda a vida, coa que aprendes decote... Tiven moita sorte na vida de dar con ela, de encontrármonos, e fixemos cousas que tamén son diferentes. Ela faime dar unha volta a aquela outra vida, reengancharme co audiovisual, coa comunicación, que está en min, que é coma se estivese no meu ADN, onde me sinto feliz. Colaborar con Marga, aprender con ela dende ‘A cicatriz branca’ (2012) é outro regalo da vida.
Precisamente agora están con outro proxecto, “Prefiro condenarme”, no que vostede é coguionista, baseado na vida dunha muller de Ferrolterra. Encaixa moito nesa liña na que lle gusta traballar: rescatar a muller das marxes da historia nas que a relegou o poder.
Si, sobre todo rescatar a historia de certas mulleres que no tempo en que eran absolutamente ninguneadas, anuladas, maltratadas e imposibilitadas, dende abaixo, dende o popular, se ergueron contra un sistema que as oprimía. Facer este filme agora, nun momento no que hai unha vaga de reacción contra o feminismo –que está por todas partes e, o que é peor, coas formas máis sutís–, ten unha pertinencia absoluta, por memoria e agradecemento a aquelas que loitaron polo cambio. Porque é desde abaixo dende onde se fai o cambio. A sociedade non cambia porque haxa unha elite que teña ideas transformadoras, senón que cambia dende a base, e iso é o que se quere reivindicar.