O Festigual regresa á Coruña do 30 de outubro ao 29 de novembro cunha programación que reivindica o acceso á cultura para todas as persoas, consolidando á cidade como “referente nas reivindicacións sociais e faro cultural”. “Nesta oitava edición, o Festigual presenta unha das súas programacións máis completas, abranguendo dende teatro, música, danza, exposicións e graffitis ata encontros formativos e actividades comunitarias”, expresou a organización.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou que este “non é un evento máis, senón case un movemento social”. “Festigual pon á persoa no centro, independentemente das súas características”, indicou.
Durante un mes, o Festigual converterá A Coruña nun “espazo de encontro e convivencia a través das artes”, comentan, ofrecendo unha programación que destaca por poñer no centro a diversidade e a inclusión. A proposta busca expandir o impacto cultural e sensibilizar sobre a necesidade de crear espazos compartidos, accesibles e con participación real para todas as persoas, independentemente das súas capacidades.
O festival abrirá o día 30 de outubro co espectáculo ‘Cerebro, Artes, Acción’, unha colaboración entre Experimentadanza e a Banda Municipal da Coruña, e continuará nas seguintes semanas coas actuacións de artistas como Robert Pier, Sophie Simonds, Pulpiño Viascón e Fillas de Cassandra, ademais de contar con espectáculos que reflexionan sobre a exclusión como ‘Nada se sabe’ ou ‘O misterioso cabaret do Sr. Pilgrim… e freestyle’.
Cristina de la Puente, da asociación Poten100mos, salientou a colaboración desta entidade co festival, “crecendo xuntos dende a súa primeira edición, presentando cada ano diferentes disciplinas artísticas que reflicten a diversidad social e fomentan a empatía”.
O evento está organizado polo Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa, co apoio de Vegalsa-Eroski, a Fundación María José Jove e a Deputación Provincial e se desenvolverá en escenarios como o teatro Colón, o centro Ágora, o centro cívico dos Mallos ou a Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga, entre outros.