Viñetas desde o Atlántico comeza este ano unha nova etapa e, para a ocasión, conta con novidades. Unha delas é unha especie de deslocalización: ‘Viñetas desde a Escola’. Son unha serie de obradoiros que imparte Inés Vázquez, que finalizarán o vindeiro día 20 no IES Durmideiras.
Nestes encontros, que Vázquez explica que son “máis ben unha charla divulgativa”, abordan varios aspectos. Por unha banda, falan do festival: “sorprendentemente, hai pouquiños que visitaran o festival”, polo que unha parte do seu labor é “que sexan conscientes de que Viñetas existe e que se celebra no verán”. Pero tamén aborda o proceso de creación dun cómic, tendo como exemplo a súa primeira novela gráfica, ‘Aldara’.
“Hai interese pola Banda Deseñada, pero é algo co que non se traballa”, “alguén ten que conectarte co mundo e falarche del”. “O que se intenta é que se animen a explorar máis este mundo ou a leer algún cómic, e incluso pasarse por Viñetas este verán”.
No seu caso, lembra que o seu interese por este mundo comezou coa televisión, “cos dibuxos animados”, interesándose “por averiguar como se facían”. O primeiro paso foi estudar Comunicación Audiovisual na universidade, aínda que o enfoque non era o preciso. Así que buscou unha maneira de buscar como contar as súas historias e comezou a explorar “o ámbito do libro ilustrado”, como primeiro paso á chegada ao cómic. Matriculouse nunha escola de ilustración con estudos no ámbito do cómic e tras varios proxectos colectivos, presentou o seu proxecto final.
Foi ese proxecto o que se converteu na súa primeira novela gráfica: ‘Aldara’. Foi unha historia que levou tempo perfeccionar, pero que, para a súa sopresa comezou a chamar a atención. Unha das primeiras personas á que lle chamou a atención a súa historia foi ao actual director de Viñetas, Manel Cráneo. “Non tiña a esperanza de que fora chamar demasiado a atención aos lectores, un pouco polas inseguridades do creador”, apunta Vázquez, que lembra como a súa obra chamaba a atención tanto a pequenos como a adultos que a “vían nas fiestras das librerías”. E non só chamou a atención deste xeito, senón que xa vai camiñi da cuarta edición e hai algo máis dun ano valeulle o premio Follas Novas.
Os premios e o éxito da obra “anima a seguir, a que non de tanta vergoña amosar as ideas que tes”, asegura a autora, que explica que xa ten en marcha a súa próxima novela gráfica, que conta con rematar durante este ano.
Pero Vázquez non só é autora de cómics, senón que traballa en varios ámbitos da ilustración, como na animación en dúas dimensións. “Aínda que ten puntos en común coa Banda Deseñada, é un traballo bastante técnico, podemos dicir que ten pouco que ver coa BD”, explica a autora coruñesa.