Lidia Cao (Ordes, 1997) é toda unha amante dos retos. Aos seus 27 anos de idade, xa sabe o que é facer intervencións artísticas en diferentes lugares tanto nacionais como internacionais. A última, a realizada no centro comercial Marineda City. De 16,8 metros de longo e 22 de ancho, o mural, ubicado nun cerramento que separa as obras de ampliación do recinto, fai unha homenaxe ás mulleres científicas.
Cando comezou a súa paixón pola arte urbana?
Eu diría que foi cando decidín irme a estudar a A Coruña. Eu son de Ordes, e alí fan desde hai 18 anos un festival que se chama ‘DesOrdes creativas’ e, dende 2017, tamén imparten masterclass con artistas invitados. Os organizadores xa sabían que me interesaba moito ese mundo e contactáronme. A verdade é que non tiña moita idea e sempre tes un pouco de medo ao rechazo, porque sempre é máis difícil ilustrar en público. Cando tes que facer un mural, saes completamente da zona de confort.
Aí decides adicarte plenamente.
Si. Foi no ano 2018 cando me fixen autónoma e din o paso. Ao principio dábame un pouco de vertixe. Se hai sete anos me dis que ía estar así agora, non o crería.
Participou en iniciativas nacionais e internacionais.
Cales foron os seus proxectos favoritos?
Diría que un deles foi un no que participei en Kansas o ano pasado, xa que foi a miña primeira vez nos Estados Unidos. A experiencia foi incrible, no trato, nas condicións... Non obstante, tamén fun a Canadá, que era o meu soño dende cativa. Foi idílico. Noruega e Bata, en Guinea Ecuatorial, son outros dos lugares que gardo con especial agarimo.
En que consistían os proxectos?
Eran facer murais adaptándote ao sitio. Sempre é o que intento facer, un mural que se adapte ao lugar, á temática en cuestión, e, sobre todo, á cultura da cidade ou do país en cuestión.
Cal foi a primeira das saídas internacionais?
Foi en 2019. Non levaba moito tempo e me xurdiu un proxecto nun festival dun pobo ao sur de París. Foi un pouco curioso porque o evento era nun castelo un pouco apartado. A experiencia foi xenial e vouna lembrar sempre.
Pero sempre con Galicia por diante, non?
Por suposto. É algo que sempre tiven claro e alá onde vou sempre o teño presente. A natureza, a xente, as costumes, todo iso me axuda a crear as obras que despois fago. De feito, sempre me fai moita gracia que cando me preguntan de onde son sempre digo Galicia, nin Ordes nin Santiago de Compostela, Galicia.
“O mural máis grande que fixen foi un que abarcaba seis plantas dun edificio. No de Marineda non tes tanta vertixe a pesar da altura porque se atopa no interior
A raíz do mural exposto en Marineda City. Como xorde?
Contactan conmigo Marineda City e o Concello da Coruña porque querían levar a cabo unha iniciativa para homenaxear ás mulleres científicas con motivo da programación municipal polo mes da muller. A idea era facelo nunha das paredes onde están as obras para dar visibilidade a unha temática que considero importante e, á vez, amenizar a propia construción do centro comercial. Cando me pasan as medidas foi realmente cando me din conta da magnitude do mural.
Algunha vez fixo un mural desa magnitude?
En interior sí que é o máis grande que fixen nunca, pero en exterior, xa teño alguna experiencia máis alta. O máximo que fixen foi un que abarcaba seis plantas dun edificio. En Marineda se fixo máis ameno porque como podes ver as diferentes plantas, a xente, non te da a sensación de tanta vertixe. De todos modos, despois de estes anos e tantos murais, xa estou acostumada.
Cales serán os próximos retos?
Nunhas semanas irei por sexta vez a Francia e, pouco despois, a Portugal. Serán algo diferentes ao de Marineda por ser exteriores, pero polo menos non están moi lonxe da casa.