Dicía o presidente saínte da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, que a sede académica debe ter a memoria de mil anos de historia da lingua e dos máis de cen da propia institución, pero, ao mesmo tempo, mirar cara o presente e o futuro no que está instalada. Esta semana, a RAG viviu un novo cambio, co nomeamento dun novo presidente, Henrique Monteagudo, o número 14 dende que Manuel Murguía liderara a entidade no seu nacemento.
O sociolingüista muradán, que xa foi secretario e vicesecretario da Academia durante os oito anos de mandato de Freixanes e que é membro de número desde 2012, é o quinto presidente do que vai de século e o número 14 desde que Manuel Murguía presidira a entidade desde a súa fundación no ano 1906 (aínda que a entidade xa fora constituída o 4 de setembro do ano anterior) ata febreiro de 1923.
Baixo o mandato do intelectual arteixán séntanse as bases do diccionario e elévase o prestixio e fortaleza da entidade. Morto Murguía, sucederíao na presidencia Andrés Martínez Salazar, que co seu inesperado falecemento deixou un dos periodos máis curtos do cargo (apenas cinco meses). O seguinte líder da Academia sería o coruñés Francisco Ponte y Blanco, que tamén ocuparía a cadeira ata a súa morte, en xullo de 1926.
O xornalista e lexicógrafo ourensán Eladio Rodríguez González sería o seguinte presidente, cargo que ostentaría até marzo de 1934 e ao que regresaría nos anos 40, durante apenas catro meses entre os dous mandatos de Manuel Casás.
O derradeiro presidente antes da guerra sería Manuel Lugrís Freire (pai do pintor Urbano Lugrís), quen ocuparía o cargo entre 1934 e o ano 1935.
A guerra e o auxe do franquismo deixou á RAG nunha situación de semiclandestinidade. De forma interina, Manuel Casás Fernández asumiría a presidencia nos anos 40, pero non sería confirmado como tal até decembro de 1942. Salvo os mencionados meses de presidencia de Rodríguez González, quen fora alcalde da Coruña permaneceu na cadeira ata a súa morte, en 1960.
Sería Sebastián Martínez-Risco, a proposta de Ángel del Castillo, Vales Villamarín e Leandro Carré Alvarellos, quen sucedería a Casás. E tamén permaneceu na cadeira ata a súa morte, en 1977.
Carré Alvarellos e Otero Pedrayo, entre outros membros, proporían ao novo líder da RAG. Domingo García-Sabell Rivas ocupou a cadeira da presidencia durante 20 anos, desde novembro de 1977 até 1997, sendo o primeiro de todos eles en presidir a RAG na sede da rúa Tabernas.
Francisco Fernández del Riego, a quen se lle adicaron as Letras Galegas en tempos recentes, viviu un corto mandato, de catro anos, que protagonizou o cambio de século e estableceu as liñas que seguiría o primeiro presidente electo no século XXI: Xosé Ramón Barreiro Fernández.
No 2010, unha nutrida representación de académicos, entre eles o propio Barreiro, proporían a Xosé Luis Méndez Ferrín, que ocuparía a cadeira durante tres anos, antes de que o sucedera Xesús Alonso Montero, o derradeiro presidente antes da elección de Freixanes no ano 2017.
Nin unha soa muller presidiu a Academia, aínda que Freixanes explicaba hai pouco que antes de impulsar a súa candidatura, intentou que Rosario Álvarez fose a primeira muller en presidir a entidade. Ela “non quixo”, asegura o xa expresidente.
Non obstante, Freixanes engadía que aumentara o número de académicas e que na súa executiva había tres mulleres, de cinco membros. Esto repítese na equipa de Henrique Monteagudo: Ana Isabel Boullón é a secretaria, María López Sández a tesoureira e María Dolores Sánchez a arquiveira.