Dos rótulos dos tranvías ás medallas de ouro: a biografía coruñesa de Isaac Díaz Pardo

O intelectual de orixe compostelá tivo que agocharse na casa do seu tío, na praza de Pontevedra, tras o levantamento do 36. Na cidade coruñesa desenvolvería a súa primeira exposición, na Asociación de Artistas, e faría traballos de rotulación. Recoñecementos e amizades coparían os seus pasos pola urbe
Dos rótulos dos tranvías ás medallas de ouro: a biografía coruñesa de Isaac Díaz Pardo
Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e Eduardo Blanco Amor nunha imaxe tomada na Coruña | Isaacdiazpardo.gal

Cando un vai vello, pasan estas cousas (...). Os premios son en función de que se construiron moitas cousas e se traballou moito dende un punto de vista científico. Os premios de Doutor Honoris Causa por parte das dúas universidades, o Premio Nacional de Bellas Artes, veñen a ser polos anos”. Eran as verbas dunha das últimas entrevistas de Isaac Díaz Pardo (Santiago, 1920-A Coruña, 2012) en El Ideal Gallego, antes do seu pasamento. A humildade sempre gañaba ao falar da lembranza que a historia podería gardar del. “Que llelo digan aos de Puerto Príncipe, que lle falen agora da historia, que quedaron todos na miseria, así pode ser a nosa historia, chea de cascallos”, aseguraba.


Pero o certo é que a historia de Galicia garda lembranzas dun dos seus bos e xenerosos. E non precisamente poucas. A Coruña non podía ser menos: obras, monumentos, recoñecementos, primeiras exposicións, traballos e amizades poderían facer un resumo da súa vida herculina.

 

20120105194439960 0001 19491965
Isaac Díaz Pardo, nunha entrevista en El Ideal Gallego o século pasado | AEC

 

Primeiros anos

Nado en Compostela, parecía claro que no pequeno Isaac Díaz Pardo poderían agromar os talentos artísticos. Non só por inherentes, senón polas influenzas: a do seu propio pai, Camilo Díaz Baliño, ou as das súas amizades, como Castelao ou Luís Seoane.
 

Co asasinato do seu pai, Díaz Pardo ten que esconderse durante medio ano na casa do seu tío, Indalecio Díaz Baliño, na herculina praza de Pontevedra. 


Na Coruña traballou para a Casa Bianchi, onde exerceu como rotulista. “Facía traballos de todo tipo”, lembra o seu fillo Xosé Díaz Arias de Castro, quen apunta que algún deses traballos foron rótulos para os tranvías.

 

Primeira mostras

No ano 39 obtén unha bolsa da Deputación da Coruña que lle permite estudar na Escola Superior de Artes Plásticas de San Fernando, en Madrid.
 

Nese mesmo ano protagonizaría a súa primeira exposición na Coruña, na Asociación de Artistas. Retratos, ‘Cruces Jacobeas’ e unha ‘Cruz Románica’, así como un par de obras tituladas ‘Alegoría’, entre outras, protagonizaban o catálogo daquela primeira mostra do intelectual.
 

“Es un muchacho, un niño casi, con gran temperamento artístico que ofrece en esta primera exposición un buen número de obras excelentes que son una buena prueba del porvenir que aguarda a este joven pintor si continúa trabajando con el mismo entusiasmo”, apuntaba El Ideal Gallego sobre esa primeira exposición. No día da súa clausura, o xornal desfacíase en gabanzas para o mozo Isaac: “Magnífica por todos los conceptos la exposición de Isaac Díaz Pardo. Magnífica porque ella nos revela un gran temperamento de artista. A seguir trabajando con entusiasmo y con fe”, finalizaba aquel texto.
 

En 1940 exporía no escaparate da Asociación unha nova obra. “Un magnífico cuadro que muestra el extraordinario avance que su autor ha logrado en el difícil arte de la pintura desde que no hace muchos meses presentó por primera vez al público el fruto de su vigorosa paleta”, escribía El Ideal Gallego en xaneiro de 1940.
 

Na propia Asociación exporía de novo en 1964. Unha vintena de pinturas podían verse durante os primeiros días de agosto na entidade. 


O traballo do artista compostelán, en moitos ámbitos, foi obxecto de moitas exposicións máis, non só na Coruña. Pero na urbe herculina, na Fundación Caixa Galicia, no ano 2005 levaríase a cabo unha ampla retrospectiva das súas creacións pictóricas, no que sería unha das súas últimas grandes mostras.

 

Cartaces

Destacábase o seu traballo como rotulista nos seus primeiros anos na Coruña, pero a realización de cartaces tamén tivo importancia na súa vida. Esta importancia quedou reflectida no libro que compilou este labor: ‘Obra cartelística 1936-1999’.

 

Cartel cine humor
Cartel certamen Cine de Humor Cidade da Coruña feito por Isaac | Isaacdiazpardo.gal


 

Un dos máis relevantes foi o que fixo, co seu pai aínda en vida, xusto antes de ter que esconderse na Coruña, no 36, para a campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía.


Moitos anos máis tarde destacarían moitos cartaces, sobre todo teatrais. Díaz Pardo deseñaría varias das imaxes que acompañarían obras dirixidas por un mariñano de nacemento e coruñés de adopción como Manuel Lourenzo (‘A casa dos afogados’ ou ‘Electra’, por exemplo). Pero tamén elaboraría cartaces para eventos da cidade como o da primeira Mostra de Cine das Nacionalidades e Rexións ou a do certame de Cine de Humor Cidade da Coruña, na súa séptima edición. 

 

Cartel cine nacionalidades
Cartel mostra de Cine das Nacionalidades e Rexións | Isaacdiazpardo.gal

 

Amizades

Da Coruña eran tamén algunhas das amizades que marcarían a vida de Isaac Díaz Pardo, como Luís Seoane ou Andrés Fernández-Albalat, ambos parte, en tempos diferentes, do proxecto do Laboratorio de Formas.
 

A pesares de que, debido á súa temperá morte tras o inicio da Guerra Civil, non puidera ter labrado unha amizade máis fonda, Díaz Pardo foi un dos grandes defensores da figura de Ánxel Casal, reivindicándoo en múltiples ocasións, levando a cabo incluso unha exposición sobre a súa figura.
 

Díaz Pardo tería tamén relación co poeta e xornalista coruñés Miguel González Garcés. A amizade con grandes persoeiros era moita, algúns dos cales acabarían por visitar O Castro, e incluso algún pasaría tempo con él na Coruña, como é o caso de Blanco Amor, do que se garda unha imaxe xunto a Díaz Pardo e Seoane no que semella ser o centro da cidade herculina, na década dos 70 do pasado século.

 

Alcalde de todos

Foron moitos os recoñecementos que obtivo Isaac Díaz Pardo en vida. Aínda que non fose unha festa, por cuestións de enfrontamentos entre o Concello e os funcionarios, no ano 2006 o artista vía como no barrio de Elviña se lle adicaba unha plaza.
 

Meses máis tarde, viviría, desta volta si, un emotivo acto na Universidade da Coruña, cando o ente educativo o nomeaba Doutor Honoris Causa (xa nos anos 90 fora nomeado tamén pola Universidade de Santiago de Compostela).
 

Nun acto na cidade herculina recibiría tamén, no ano 2008, a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, recoñecemento que recolleu da man do daquela ministro de Traballo, Jesús Caldera.

 

ANDY ISAAC 070126 09
Isaac Díaz Pardo, no acto no que era nomeado Doutor Honoris Causa pola UDC | AEC


 

As loas, de todo tipo, sucederíanse nos seguintes anos. No 2011 o intelectual era elexido Republicano de Honra pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, entidade coruñesa que xa dera este tratamento en anos previos a Luisa Viqueira Landa, Teresa Alvajar e a Dolores García Suárez ‘Lolecha’.


E os recoñecementos estendéronse a toda Galicia. Uns meses antes da súa marcha, nomeábase a Díaz Pardo ‘alcalde’ de todos os concellos de Galicia. A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que no 2011 presidía Carlos Fernández, daba ao intelectual o bastón de mando de todos os municipios do país, nomeando así a Díaz Pardo ‘alcalde de Galicia’. Este tratamento era concedido, explicábase no seu momento, pola súa “contribución en la organización de la Galicia democrática”, así como polo esforzo de Díaz Pardo para crear “un presente más libre”.

 

Na memoria

Anos antes do seu pasamento, o legado artístico de Díaz Pardo xa era motivo de debate. Na Coruña, o Concello tiña gardadas, e aínda ten, varias obras do artista. No ano 2008, o goberno bipartito en María Pita estudaba que as súas creacións, e outras de artistas como Lloréns, pasaran a formar parte da colección da Casa Museo María Pita, algo que non prosperou.


Precisamente, como lembrabamos na anterior reportaxe sobre a pegada de Díaz Pardo na cidade, o creador compostelán deixou dúas versións dunha obra na que pintaba, precisamente, á heroína coruñesa, de costas, coa Torre de Hércules ao fondo. Obras que forman parte dos bens que garda o Concello, ao igual que moitas das súas creacións están espalladas por outras sedes, públicas e privadas, da cidade.

 

De actualidade

Precisamente, o legado de Díaz Pardo, aínda que non precisamente o coruñés, volve estar de actualidade coa situación que está a vivir Sargadelos.


“Luís Seoane diría ‘eres un idiota por haberte asociado con esos tipos’”, aseguraba na mencionada entrevista a El Ideal Gallego de 2010 cando lle preguntaban que opinaría o seu amigo sobre a situación que xa naquel momento vivía a empresa, despois de quitarlle os cargos de importancia á súa alma máter. “Dame pena todo, pero hai tantas cousas que me dan pena (...). Se non fan nada antes de irme para sempre vou formar un escándalo. Non vai quedar así a cousa”, aseguraba o intelectual nesa derradeira conversa co xornal.

Dos rótulos dos tranvías ás medallas de ouro: a biografía coruñesa de Isaac Díaz Pardo

Te puede interesar