Xosé Manuel Casabella López (O Valadouro, 1941), membro da Real Academia Galega de Belas Artes e director durante oito anos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, e Alfredo Sellier (A Coruña, 1968), arquitecto, museógrafo e tataraneto do ilustre fotógrafo Luis Sellier, son as dúas persoas encargadas de comisariar no Museo de Belas Artes toda unha viaxe polo pasado e presente da arquitectura coruñesa e galega. Baixo o nome de ‘Arquitecturas que falan do seu tempo’, esta mostra composta por 800 obras de 23 arquitectos académicos diferentes –dispoñible ata o mediodía de mañá, domingo, 27 de abril– permite aos visitantes asociar algúns dos edificios máis icónicos da urbe co seu autor.
Como naceu a idea de crear a exposición?
Alfredo Sellier: A idea nace xa que Xosé Manuel, como académico e arquitecto, e a raíz da celebración do 175 aniversario da Real Academia Provincial de Belas Artes, ocurréuselle poder facer unha exposición dos arquitectos académicos da Sección de Arquitectura da academia. Falamos co museo e acolleron a idea de moi boa forma. Foi un proceso que durou un ano e catro meses ata a súa inauguración.
Xosé Manuel Casabella López: Esta foi unha idea a dúas máns. Por unha banda, Alfredo, experto en montaxe de exposicións, e eu, como académico, ademais de arquitectos os dous. Queríamos poñer ao día toda a historia da Real Academia, pouco divulgada, sobre todo, na Sección da Arquitectura. Cabe lembrar que é unha institución coruñesa moi importante que nace no ano 1849. Naquel momento era a única academia, de feito, a Real Academia Galega creáse en 1906, e Manuel Murguía, que foi o seu creador, xa era membro da de Belas Artes.
En que consiste a mostra?
A. S.: A exposición mostra toda a bagaxe pola historia da arquitectura, dende 1849. Nela se observan obras de autores relevantes, coma Faustino Domínguez, o motor que move o inicio da academia, ou José María Noya, unha das figuras máis relevantes no século XIX e artífice da modernización da urbe neses anos. Eses son simplemente dous nomes dos 23 arquitectos académicos de número e honra que conforman a mostra. É unha auténtica enciclopedia. Esa visión dos diferentes arquitectos é un pouco o que nos deu o nome ‘Arquitecturas que falan do seu tempo’.
X. C.: Na mostra están representadas as diferentes tendencias e maneiras de enfrontrase co proceso da creación arquitectónica. Aínda que a arquitectura sempre debe responder ás demandas da sociedade, sempre hai diferentes correntes, e esas son as que nós analizamos na exposición. Desde a arquitectura neoclásica á romántica, á ecléptica ou modernista. Hai toda unha mostra das arquitecturas coruñesas.
Foi importante a arquitectura coruñesa?
X. C.: A Coruña naquel momento era a cidade máis importante que había en Galicia. Aquí estaba a Real Audiencia, o Real Consulado de Mar, as institucións do liberalismo, a sede dos Correos de América...
A. S.: A actividade cultural de toda Galicia atopábase na Coruña, polo menos, ata finais do século XIX.
Como está sendo a acollida ?
X. C.: A exposición tivo un número de visitas moi elevado. Fixéronse 70 visitas guiadas, un número elevadísimo con respecto ás que normalmente se fan no museo e noutras institucións. Consideramos que houbo unha aceptación popular moi grande.
A. S.: Calcúlanse que pasaron polo museo unhas 13.000 persoas.
Como definirían a exposición?
A. S.: O que se pode percibir visitando a exposición é un vistazo global da arquitectura, en principio coruñesa, e despois, máis galega, dende 1849 ata a actualidade. 175 anos da historia da arquitectura. Non están todos os arquitectos importantes, xa que non todos foron académicos. Pero, estes académicos sí representan esa historia da arquitectura. Tamén permite achegar ao público en xeral moitas imáxenes de edificios –algúns que xa no están na actualidade–, e poder identificalos cos seus autores. Ademais, é fácil de visitar e moi amena de ver. Ten imáxenes en movemento nas que se amosa cada un dos arquitectos, todos tratados por igual. Pódese ver nun rato pero para vela con calma, non chega cunha vez.
X. C.: Cada un dos 23 arquitectos ten unha pantalla grande cunhas vinte obras, máis ou menos.
Que é o que máis lle chama a atención á xente?
X. C.: Sobre todo a identificación dos edificios coruñeses. É unha arquitectura básicamente coruñesa. Case todos eran coruñeses nun principio. Sempre nos queixamos de que non se lle da o verdadeiro valor dos autores. Nós aí fixemos un esforzo para darlles a todos un nome.
A. S.: Seguramente aparecen edificios que a xente identifica e outros que están na retina pero que non están localizados nas mentes. Sobre todo, para asociar as obras cos autores. Rey Pedreira, por exemplo, co Palacio dos Deportes, Pedro Mariño co Palacio Municipal, etc. Hai unhas 800 imaxes para ver na exposición.