Os primeiros 25 anos de Donaire: no seu mellor momento e cun millar de alumnos á semana

A entidade cultural nacida ao calor do barrio dos Castros celebrará o seu aniversario con actividades ata xuño
Os primeiros 25 anos de Donaire: no seu mellor momento e cun millar de alumnos á semana
Un momento do obradoiro que impartiu Montse Rivera | Quintana

Onte deron comezo as actividades que a asociación cultural Donaire levará a cabo durante os vindeiros meses para conmemorar os seus primeiros 25 anos de vida.


Unha efeméride que, como apunta o coordinador de actividades da entidade, Antón Pardo, chega “nun momento extraordinario”. E esto é debido a que Donaire conta na actualidade coa súa “máxima asistencia, nunca tivemos tanta xente asociada, estamos moi contentos de que poida cadrar todo”, indica Pardo. Na actualidade, Donaire ofrece 96 clases á semana, nas que participan “máis de 1.000 persoas, que veñen cada semana a propostas de música e baile tradicional con nós, entón, que cadren os 25 anos e que tamén sexa a festa das Letras Galegas adicadas ás cantareiras, pois, a verdade, é que estamos moi ilusionados”.


Actualmente dan clases de música e baile tradicional. En concreto, de gaita, pandeireta, percusión e acordeón. 


Ademáis, Pardo recoñece que a entidade tamén se beneficia de que A Coruña sexa “unha das cidades galegas con máis presenza de música e baile tradicional, de asociacións e de grupos, iso é mostra de que a cidade ten moi boa acollida”. “Notamos nos últimos anos que hai moita xente adulta interesada en aprender para poder bailar en concertos e foliadas ou para cantar nos bares... como que estamos recuperando esa parte máis social vencellada á tradición”, comenta Pardo.

 

Axenda

As actividades de celebración comezaron onte, cun obradoiro didáctico que impartiu Montse Rivera, ex de Leilía, baixo o título ‘Cóntoche un traxe’. O obradoiro tivo lugar no centro cívico de Monelos e permitiu reflexionar sobre a evolución da indumentaria. 


Pero as propostas continuarán nos vindeiros meses. Pardo detalla que o 5 de abril, no Ágora, celebrarán o festival Dálle Donaire, “unha cita bastante grande, coa participación de case 300 persoas”. En maio, celebrarán unha foliada no parque de Eirís e, en xuño, terá lugar unha gala de aniversario, “da que informaremos en breve”, apunta cun sorriso o coordinador de actividades de Donaire, que leva ligado á entidade dende o ano 2003. 

Os primeiros 25 anos de Donaire: no seu mellor momento e cun millar de alumnos á semana

Te puede interesar