Reportaxe | Galgo Azul, un espazo cultural para ‘facer barrio’ na Agra

Reportaxe | Galgo Azul, un espazo cultural para ‘facer barrio’ na Agra
Juan Rodríguez, nas butacas dos multicines Chaplin | MÓNICA ARCAY

Juan Rodríguez, ademais de cofundador da compañía Caramuxo Teatro –que vén de celebrar o seu 20 aniversario–, é veciño da avenida da Gramela de toda a vida. E xusto nesa rúa decidiu abrir, hai mes e medio, Galgo Azul Espazo Cultural, unha librería que tamén é cafetería, recinto para espectáculos e punto de encontro para todo un barrio. “Queremos ser unha especie de centro cívico, facer comunidade”, explica.


Obradoiros de teatro, contacontos e un club de lectura son algunhas das primeiras propostas do establecemento, que tamén programará actividades segundo a época do ano e que quere dinamizar a zona promovendo a colaboración entre negocios. “Que o Agra sexa unha opción para vir ao teatro, por exemplo. Este é un barrio estigmatizado e estamos un pouco abandonados en todos os sentidos”, lamenta Rodríguez, quen recoñece que edificios como o Ágora son moi importantes para fomentar a cultura.


Recunchos especiais

Galgo Azul conta con moitos recunchos que parecen sacados dunha película. Neste caso, contan con varios elementos de antigas escenografías teatrais como o denominado Vagón María Casares, que Butacazero usou na súa obra ‘Despois das ondas’ e que recrea o tren no que a actriz coruñesa viaxou a Francia no seu exilio. “Temos tamén as máscaras de ‘Onde viven os monstros’ e outras pezas que dan un toque especial ás tertulias”, sinala Juan Rodríguez.


Os máis nostálxicos do Agra poden sentarse, tamén, nas antigas butacas dos multicines Chaplin. “Eran os cines aos que máis ía, porque estaban no barrio, e cadrou que o día que estaban retirando butacas pasei coa furgo que alugamos para as funcións. Tiven sorte e puiden quedar con estas”, conclúe.

Reportaxe | Galgo Azul, un espazo cultural para ‘facer barrio’ na Agra

Te puede interesar