A Universidade da Coruña recibiu a visita do recoñecido profesor sueco Ulf Linderfalk, unha das principais figuras do Dereito Internacional a nivel mundial, quen se incorporará á institución coruñesa para desenvolver o seu proxecto de investigación durante os vindeiros catro anos.
Linderfalk foi recentemente seleccionado como un dos 31 galardoados na prestixiosa convocatoria ATRAE, un programa altamente competitivo da Axencia Estatal de Investigación que pretende incentivar a incorporación de talento consolidado a institucións educativas e de investigación de España. Nesta edición do programa presentáronse 148 candidaturas, e o investigador conseguiu unha subvención de 1 millón de euros para desenvolver o seu innovador proxecto na UDC durante os vindeiros catro anos, erixíndose como o único gañador no panel de Dereito e consolidando o seu liderado neste campo.
O investigador foi recentemente recibido na Reitoría da Universidade da Coruña por parte do reitor, Ricardo Cao; o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas; o decano da Facultade de Dereito, Xulio Ferreiro; a adxunta de Investigación, Mª Amalia Jácome; a directora da Oficina de Proxectos Internacionais, Elena Solera; e o director da Oficina de Captación de Persoal investigador (OCPI), Jose Mahía. Tal e como establece a resolución da convocatoria, está previsto que se incorpore á Facultade de Dereito da UDC a partir do 1 de setembro de 2025.