O fútbol ten moito de drama, ben o saben os asiduos a Riazor. No sentido estricto, fútbol e teatro “non maridan especialmente ben”, pese a que hai moito teatro no fútbol, mais esta fin de semana, ‘Recorte caneos e outras formas de driblar’, buscará demostrar que a maridaxe non só é posible, senón que o resultado é bo.
O teatro Colón acollerá o venres (20.00 e 23.00 horas) e sábado (18.00 e 21.00 horas) as funcións desta nova obra que dirixe Tito Asorey, con base nun libro que publicará Nacho Carretero sobre “as historias da parte menos bonita do fútbol, a máis escura: o arreglo de partidos, a homosexualidade, a presión á que son sometidos os futbolistas, o papel da muller...”, explica un dos integrantes do once titular, Xosé Antonio Touriñán.
O trivote, máis parte do resto da aliñación, repite tras o triunfo acadado con ‘Fariña’. Desta volta, a pesares de que o mencionado semelle escuro, tamén repiten coas súas características doses humorísticas.
Explica Touriñán que o espectador “atopará un espectáculo de teatro musical e cómico”, un entretemento “que xoga entre o mundo do fútbol e do teatro, buscan semellanzas entre ambas”. Trátase dun show que pretende buscar “por qué o fútbol levanta en nós as paixóns que levanta, por qué engancha como engancha, por qué parece que case é unha droga”, apunta o actor, que matiza neste último punto que a droga é en ambos sentidos: pola sensación de “dependencia porque chegue a fin de semana” e polo “en serio” que nos tomamos este deporte.
Un dos aspectos complicados é, precisamente, facer rir e emocionarse tratando estes temas. “Tamén é o que buscabamos, complicarnos un pouco a vida”, recoñece Touriñán entre risas. “Xa o fixemos en ‘Fariña’, e agora buscabamos iso, algo que mova á sociedade, que nos mova a todos nós e levalo ás táboas”, engade o intérprete.
Touriñán e Carretero teñen moitos nexos de unión, un deles é o fútbol e, concretamente, o Depor. Meterse no interior menos visible do fútbol pode resultar difícil, sobre todo para alguén que ama este deporte. “Lévase ben, porque é algo que é unha paixón, un hobby que enche moitos minutos do meu tempo”, indica Touriñán, que engade que “mesturalo co traballo e levalo ao escenario é un reto, non é fácil, pero nós intentamos xuntar estas dúas paixóns”.
As da Coruña esta fin de semana son funcións logo de percorrer cidades como Santiago ou Vilagarcía de Arousa, entre outras moitas. Ao igual que con ‘Fariña’ o éxito vese na afluencia de público. A principios desta semana apenas quedaban un cento de entradas para o Colón.
As últimas pezas nas que participou contan coa comedia “como base ou como ingrediente principal”, cun público “fiel” que responde sempre. O fútbol pode ser atractivo para novo público: “seguro que hai xente que se achega polo fútbol, pero seguro que hai outra á que lle bota cara atrás”, di.
Tras a conversa e explicación sobre ‘Recortes’, coma Arsenio, recoñece entre risas: “conteiche moitas cousas, e tampouco nada”.