O fotógrafo da Catuxa (Arteixo) Eduardo de Martís é o autor de ‘Galicia latente’, unha recompilación de imaxes por toda a comunidade –146 concellos– que exhiben ‘latexos’ da cultura, urbanismo, industria, paisaxe, sociedade, lingua ou patrimonio galegos.
Como xorde ‘Galicia latente’?
O proxecto nace no 2005. Fun xuntando durante anos imaxes de carácter etnográfico cando facía outros traballos pola comunidade e en 2009 fixen a primeira exposición na Semana Galega de París, e ao ano seguinte outra no Parlamento Europeo no Comité das Rexións. No 2020 comecei unha segunda etapa neste traballo coa axuda dos antropólogos Rafa Quintía e Xosé Ramón Mariño Ferro para dar forma ao relato da Galicia actual.
Que Galicia latexa agora mesmo?
O libro ten 233 testemuñas desa Galicia, pero o que máis salienta é que esta cultura, esta singularidade, estas raíces que temos, son unha oportunidade extraordinaria de ofrecer innovación, riqueza e novos camiños.
Nun día coma hoxe [a entrevista faise o Día das Letras Galegas], que pensa da saúde do galego?
No 2023 tivemos tres premios nacionais de escrita e grandes empresas como Ikea, R ou o propio Real Club Deportivo apostan por chegar á súa clientela en galego, o que non farían se non o visen interesante a nivel empresarial ou económico. É moi alentador e moi gráfico, hai que ir desterrando aquel vello estigma de que o galego é de paletos. As mensaxes potentes son en galego, e un exemplo é o ‘forza Depor’.
No libro faise unha defensa dos oficios e dos saberes tradicionais, especialmente das mulleres.
Por un lado quixen amosar o potencial deses oficios e por outro recoñecer o labor de moitos artesáns. Elena Ferro, que sae no libro, levou o premio Nacional de Artesanía en 2019 e as Redeiras de Corme están colaborando con marcas de moda como Loewe en desfiles internacionais. O ferreiro Telmo Cao, en Cervo, é unha figura internacional da forxa... o libro conta con 233 imaxes que mostran proxectos enraizados coa cultura galega que están a innovar e que son a proba de que temos un camiño inmenso por diante.
Pensa que se perderon certos aspectos da identidade galega e xa somos parte da globalización?
Acabas de meterte no meollo central da identidade. Manuel Vilar, antropólogo e director do Museo do Pobo Galego, di que a identidade ten que mudar para estar viva, ten que ir cos tempos, pero despois tamén vemos que as culturas minorizadas, como a galega, temos unha especial capacidade para a resiliencia e unha mellor supervivencia porque nos adaptamos a todo: territorio, economía, sociedade... Entón, volvemos ao de antes, a identidade galega ten un enorme potencial.
Como ve Galicia en 20 anos?
Temos totalmente desaproveitado o recurso idiomático da lusofonía e hai unha fonte de oportunidades comerciais nas fronteiras con Portugal. Temos exemplos como a Eurorrexión de Verín-Chaves e hai que buscar eses lazos.