Xabier Maceiras | “En Arteixo houbo máis dunha ducia de pazos e algúns foron referentes da cultura galega da época”

Artífice do blog ‘Crónicas de Arteixo’, é o autor do texto que acompaña este ano ao tríptico da Feira Histórica 1900
Xabier Maceiras | “En Arteixo houbo máis dunha ducia de pazos e algúns foron referentes da cultura galega da época”
O autor de ‘Crónicas de Arteixo’, Xabier Maceiras | AEC

Xabier Maceiras é o autor do texto ‘A vida nos pazos’, a temática na que se baseará a Feira Histórica Arteixo 1900, que se celebrará os días 18, 19 e 20.

 

A Feira Histórica dedicarase aos pazos. Cantos ten agora Arteixo? 
Os pazos que se manteñen no tempo como tal son varios. O de Anzobre, na parroquia de Armentón; o de Atín (Loureda), o das Covadas (Sorrizo), o de Mosende (Lañas)... e logo hai outros que foron restaurados como o de Villariza (Pastoriza) ou que modificaron notablemente a súa estructura, caso, por exemplo, das Torres de Figueiroa, na parroquia de Arteixo, ou o do Fidalgo en Sorrizo. Tamén hai pazos que están a piques de derrubarse, como o de Galán (Oseiro) e outros que xa hai tempo que desapareceron, como o de Suevos ou o de Laxobre.

Como era a vida nestes lugares? 
Ao igual que no resto da xeografía galega, eran a residencia de nobres e fidalgos de gran poder económico. Grandes autores da nosa literatura inspiráronse nos pazos galegos para ambientar as súas obras, polo que non temos máis que ler a Otero Pedrayo, Valle-Inclán ou Emilia Pardo Bazán para imaxinar como era a vida alí. Os pazos de Arteixo eran, nalgúns casos, a residencia de verán destas familias poderosas. Co tempo, estes emblemáticos edificios –un dos nosos sinais de identidade– foron converténdose na marca social e refuxio da decrecente clase fidalga, unha decadencia motivada en gran parte pola suspensión dos foros e dos seus privilexios e xurdida, tamén, a raíz do éxodo dos campesiños ás cidades. Non foron poucos os casos de caseiros que acabaron comprando os pazos aos antigos señores.

 

Xa se ten falado, vostede entre outros, sobre a estancia de Picadillo no pazo de Anzobre ou de Porlier no de Pastoriza. 
Efectivamente. En 1899, ao falecer seu pai Luciano Puga –o xurista de Curros Enríquez–, Picadillo herda o pazo de Anzobre, lugar que ía converter nun dos centros neurálxicos da cultura galega da época grazas ás frecuentes visitas de figuras como Manuel Linares Rivas, Wenceslao Fernández Flórez e Emilia Pardo Bazán ou, entre outros, os pintores Germán Taibo e Manuel Abelenda. E no caso do de Villariza, que era propiedade do comerciante coruñés Andrés Rojo del Cañizal, foi onde se organizou no verán de 1815 o Pronunciamento de Porlier co obxectivo de derribar o réxime absolutista de Fernando VII e restaurar a Constitución de Cádiz.

 

Adoita caracterizarse para esta Feira Histórica? 
Si, é algo que me encanta e que recomendo a todos. Disfruto moito facendo esta viaxe no tempo!

 

Que valores cre que representa este evento municipal?
Creo que axuda a promover o coñecemento do noso patrimonio cultural e tamén, coa temática de cada edición, a poñer en valor a nosa historia entre os adultos e os máis novos. O exemplo desta ano é claro é evidente: a veciñanza de Arteixo e os visitantes serán coñecedores de que no noso municipio houbo máis dunha ducia de pazos.

 

O seu blog, Crónicas de Arteixo, acaba de cumprir dez anos de actividade e sobrepasar as 600.000 visitas. Como o vive?
Pois con moita emoción e gratamente sorprendido polas visitas que o espazo recibe a cotío. E e tamén con certo pesar porque o tempo e a miña actividade profesional non me permiten realizar as recollidas que me encantaría levar a cabo. Nestes dez anos que levamos publicando semanalmente deixounos moita xente que me permitiu pasear pola súa memoria. Un dos motivos polos que decidín crear o espazo en 2014 foi pola urxencia de recoller moitos dos contos dos nosos maiores, pois, se non se recollen a tempo, acaban por perderse por razóns biolóxicas. Vaia dende aquí un recordo para todos eles. O meu agradecemento tamén a toda a xente que colabora habitualmente no blog con fotos ou informacións e, por suposto, ao Concello de Arteixo polo seu apoio.

 

Visita o seu blog xente de moitos lugares, cales sorprenden máis?
O que máis me sorprendeu en todo este tempo foron as numerosas visitas que o blog recibiu dende Rusia cando publicamos a historia de Manuel González Berao, antigo piloto da aviación rusa que acabou traballando de chofer dos trolebuses Coruña-Carballo. Outra cousa que me encanta é ver os centos de visitas dos emigrantes en Alemaña, Suíza, Francia, Arxentina, Uruguai...

 

Queda material para máis libros e entradas do blog?
Moito, abofé! En todo este tempo no blog publicamos case 600 entradas e soamente 138 están recollidas nos tres libros de ‘Crónicas de Arteixo’, polo que pode imaxinar que hai material para moitas publicacións. E o mesmo pasa coas entradas. Procuro publicar sobre as 13 parroquias e en todas, afortunadamente, teño fontes que me seguen transmitindo os seus coñecementos.

Xabier Maceiras | “En Arteixo houbo máis dunha ducia de pazos e algúns foron referentes da cultura galega da época”

Te puede interesar