Adeus a Bernardino Graña, o poeta do mar e do amor

Adeus a Bernardino Graña, o poeta do mar e do amor

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Bernadino Graña. Poeta do mar e do amor e membro de número da institución, faleceu hoxe en Nigrán. Nado en Cangas no ano 1932, foi un dos membros fundadores do grupo Brais Pinto e a súa voz converteuse nunha das máis recoñecidas polo público e a crítica das letras galegas contemporáneas. A paisaxe, a fala, a experiencia amorosa e os ambientes mariñeiros nos que medrou deixaron unha fonda pegada na lírica do autor, que tamén cultivou o teatro e a narrativa, primeiro para o público infantil e logo como novelista serodio cunha nova visión da figura de Xesús, lonxe da ortodoxia católica.

 

“Bernardino era unha persoa moi querida dentro e fóra da Academia. Un poeta de enorme talento, cunha sensibilidade especial, extraordinariamente dotado para a lírica”; salienta o presidente da RAG. “Os seus grandes temas eran o amor, a ecoloxía, sempre na defensa dos valores da natureza, a alegría de vivir, e unha inquebrantable lealdade á terra, a Galicia e moi especialmente á bisbarra do Morrazo e ás rías. O mar de Cangas e o mar en xeral”, engade. Víctor F. Freixanes pon o acento tamén no seu extraordinario coñecemento da lingua mariñeira: “A lingua de Bernardino Graña era un patrimonio de seu”. “Tiven a honra de ser editor dalgúns dos seus libros e eran pequenas xoias. Pero, repito, ademais dun gran escritor, representación desa xeración magnífica que foron os Brais Pinto, era unha excelente persoa, leal, alegre e cariñosa. Váisenos un amigo, a Real Academia Galega sente moito a súa perda”, conclúe.

 

Bernardino Graña pasou a infancia entre Cangas e Ribadavia, onde o seu pai dirixía unha academia á que tamén asistiu o académico Xesús Alonso Montero, con quen compartiu pupitre. Sendo aínda ben novo, comezou a coñecer outros escritores e galeguizar a súa poesía ao se incorporar ao comité de redacción da revista de poesía de Vigo Alba, que dirixía Ramón González Alegre e á que se sumou a través de Faustino Rey Romero. Tras estudar Filoloxía Románica nas universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Madrid, anos máis tarde doutorouse nesta especialidade cunha tese sobre Miguel Torga. Como catedrático de Lingua e Literatura, exerceu en institutos de distintas localidades do Estado e Galicia, como Molina de Aragón, Luarca, Onda, Vilarreal, Xinzo de Limia, Lugo, Padrón ou Cangas, onde deixou unha forte pegada entre o alumnado.

 

Como poeta, a súa voz axiña sobresaíu. Gañador do certame de poesía das Festas Minervais nos anos 1954, 1955, 1959 e 1969, o seu primeiro libro, Poema do home que quixo vivir, de marcado carácter existencialista, foi publicado en 1958 por Brais Pinto, o grupo de mozos intelectuais galeguistas residentes naquel momento en Madrid do que formou parte canda Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Lorenzo e Raimundo Patiño, entre outros. En 1966 saíu do prelo Profecía do mar, “un dos libros máis nobres da poesía galega contemporánea”, en palabras de Ferrín. Nestas páxinas o poeta establecía un diálogo apaixonado cun mar investido de gran forza telúrica na lingua patrimonial dos mariñeiros de Cangas (...e mais eu amo as ágoas i é difícil / ser ágoa e darse en ágoa / amo a materia). Logo virían, entre outros, Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Sima-Cima do voar do tolo (1984), o telúrico Himno verde (1992), Ardentía. Obra poética completa (1995) e Luz de novembro (1997).

 

De 1980 é Se o noso amor e os peixes..., outro dous seus títulos máis celebrados. O volume inclúe pezas que lindan ás veces coa dicción neotrobadoresca e que constitúen algúns dos mellores exemplos de poesía amorosa en lingua galega, como o célebre poema titulado “Como hei vivir mañá sen a luz túa?” (Case morto vivín sen coñecerte / aló na chaira por absurdas rúas / onde ninguén me soupo dar mornura).

 

A poesía de denuncia civil, o ecoloxismo, o poema de circunstancias en homenaxe a persoas amigas ou admiradas son outros temas frecuentes na obra dun poeta dotado, en palabras de Xosé María Álvarez Cáccamo, “dunha titánica enerxía vitalista e unha forza destrutiva e purificadora de dimensión cósmica e material que concentra o seu poder simbólico na figura colosal do mar”. Para Xesús Alonso Montero, “a musa do noso Bernardino é unha musa plural, que vai do existencialismo inicial –un pouco inxenuo– á poesía civil pasando polas súas grandes páxinas telúricas”.

 

Adeus a Bernardino Graña, o poeta do mar e do amor

Te puede interesar