Alingua destaca a Touriñán, Tanxugueiras, Ledicia Costas ou Luís Davila como referentes do galego

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega publica na rede o ‘Catálogo de referentes’
Alingua destaca a Touriñán,  Tanxugueiras, Ledicia Costas ou Luís Davila como referentes do galego
As Tanxugueiras

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que aglutina os servizos de normalización lingüística de 19 concellos, entre os que se atopa o Concello da Coruña, continúa este outono coas accións programáticas de "É túa. Pásaa!", campaña de difusión posta en marcha neste 2023 co obxectivo de promover e dinamizar en diferentes ámbitos o uso do galego. 

 

No marco desta iniciativa, Alingua lanza este curso o seu Catálogo de referentes acompañado dunha guía didáctica de descarga libre e dun cartel de referentes dirixidos ao alumnado. Tamén presenta a Cartografía sensorial, un espazo virtual de paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade.


O Catálogo de referentes preséntase como un compendio en permanente medra onde se recollen figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven en galego tanto o seu día a día coma a súa traxectoria profesional. Este catálogo créase co fin de visibilizar os usos reais da lingua en ámbitos diversos e de prestixio e de achegar referentes que conecten coa mocidade.
 

Alingua enxalza como referentes da nosa fala a intérpretes como María Vázquez, Xosé A. Touriñán ou as integrantes da compañía teatral A Panadaría, ilustradores como Luís Davila, as voces de Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou Fillas de Cassandra e as sinaturas literarias de Ledicia Costas, Antía Yáñez ou Ismael Ramos. Para completar o ámbito da creación artística, tamén se recollen as figuras de creadoras plásticas como son a pintora Aroa Outón, a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias Rodríguez ou a muralista Nana. Tamén hai representación para os ámbitos das novas tecnoloxías, a gastronomía e a ciencia, con
referentes como Iria Veiga, Carlos Dorado ou Lucía Freitas. 

 

Esta guía dixital, pódese consultar consultar na web da Alingua a través desta ligazón.


O Catálogo de referentes complétase coa guía didáctica "É túa. Pásaa!" que, baixo o subtítulo "Con actividades e referentes para revolucionar o teu galego", pon á disposición do profesorado de centros de ensino de secundaria de toda Galicia co obxectivo de fomentar o uso do galego na rapazada de entre 12 a 16 anos.


Cartografía sensorial

Como outra iniciativa deste outono, Alingua publica na súa web a chamada Cartografía sensorial. Trátase dun espazo virtual que recolle paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade e que ten como obxectivo amosar a riqueza das falas galegas e visibilizar e enxalzar a diversidade lingüística dos concellos que integran a asociación. 

 

Este reservorio dixital ofrece a posibilidade de personalizar postais para enviar en liña e tamén compartir fotografías que relacionan cada lugar cunha cor identificativa. Proponse con esta ferramenta un modo diferente de explorar diferentes contextos sociais e lingüísticos do noso territorio a través dos sons, das cores e da lingua.

Alingua destaca a Touriñán, Tanxugueiras, Ledicia Costas ou Luís Davila como referentes do galego

Te puede interesar