Ánxela Gracián (Castroverde, 1968) é escritora de literatura infantil e xuvenil, ademais de tradutora. O seu libro ‘Donas de nós’ resultou gañador do X Premio Meiga Moira. Onte recibiu o galardón na Feira do libro.
De que trata ‘Donas de nós’?
‘Donas de nós’ é unha traxicomedia. Subtitúlase ‘Traxicomedia en tres actos para un conto de fadas’. É unha historia como un conto de fadas cun príncipe azul e unha princesa rosa e o príncipe azul está buscando á súa princesa rosa para poder casar con ela, o que pasa é que a princesa rosa do conto é unha heroína, por chamarlle dalgunha maneira, que lle da máis importancia á súa propia realización persoal que ao feito de casar cun príncipe.
Pensa que é máis complicado escribir para o público xuvenil?
Son diferentes códigos. Eu creo que cada tramo lector e cada idade ten os seus códigos e tamén a min o que máis me gusta cando escribo para xuvenil é ver se o receptor o comprenderá e terá todas as claves e as coordenadas. Eu creo que neste caso tamén pode ser lido por un público adulto, porque quizais o rapaz sí, pero ao mellor o neno non ten aínda as claves de metaliteratura que hai ahí con respecto aos contos de fadas, en cambio o adulto sí, sabe que hai unha parodia dun modelo clásico. Son distintos códigos os que se manexan dependendo do receptor.
Cree que é importante o fomento da lectura desde idade temprana?
Eu creo que desde os noventa, xa incluso con toda a xeración dos oitenta, a xeración Lamote á que lle debemos tanto para poñer en valor a literatura infantil e xuvenil, acadou un status de dignidade. Cando eu era pequena ti collías un libro e non sabías se o ías entender ou non, tíñalo claro con aqueles clásicos da editorial Juventud, pero desde xa hai corenta anos pois sí que se avanzou moitísimo na creación dun corpus de calidade de literatura infanto-xuvenil, e tamén de cantidade, claro.
Cantos libros ten publicados e canto tempo leva escribindo?
Escribindo sempre. Escribía no Bacharelato e despois na facultade, presenteime a algún concurso. Aos 25 anos empecei a escribir outras cousas pero despois descubrín o xénero infanto-xuvenil porque tiña unha sobriña á que lle contaba contos e xurdiu o meu primeiro libro. Agora tamén saquei un libro de poesía que é para adultos, é unha especie de canto ao Castroverde da miña infancia, tamén está a infancia presente pero o ton non é infantil.
Xa está a traballar noutros proxectos?
Este ano é un ano glorioso para min, vai salir este libro tamén que se retrasou coa pandemia, presentaremos na feira de artesanía en Castroverde o libro ‘Paisaxes de pan’, e logo mandei un orixinal que xa tiña tamén escrito a unha editorial e tamén me confirmaron a súa edición. Eu creo que un premio é unha alegría. Estou moi agradecida a Baía pola edición e a Laura Romero polas ilustracións. Gustoume moito o traballo da editorial.