A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán está a celebrar o 173 aniversario da escritora, nada o 16 de setembro de 1851, coa estrea de Contos escollidos. Emilia Pardo Bazán dende hoxe, unha serie de vídeos nos que as voces convidadas len e comentan fragmentos dun relato da homenaxeada da súa elección. Tras a estrea o pasado xoves do episodio coa escolma da escritora Ledicia Costas, o relato “Las medias rojas”, a desgarradora historia de Ildara, unha moza vítima da violencia sexista-, hoxe difúndese nas redes sociais e na web da Casa–Museo o capítulo protagonizado pola actriz María Vázquez, que se detén nas páxinas de “Feminista”.
María Vázquez foi recoñecida con varios Mestre Mateo á mellor actriz e mellor actriz secundaria por O club da calceta, Mar libre, Trote e Quen a ferro mata, así como Premio Ojo Crítico de Cine por Mataharis; e en 2023 encarnou o papel de Ramona en Matria, polo que foi nomeada a mellor actriz protagonista nos Premios Goya. Na súa colaboración coa Casa-Museo le, na edición da recompilación Sud-Exprés y otros cuentos (1909), un relato do que subliña a súa modernidade e vixencia. «Emilia Pardo Bazán atrévese nel a cuestionar o matrimonio e fala do cambio de roles, pode ser un chamamento á revolución. Paréceme moi revelador, inspirador e iluminador», valora.
Ledicia Costas, autora de novelas para o público adulto como Pel de cordeiro (2024) e Golpes de luz (2021) e de títulos para o máis novo como o recente Sete dentes de león (2024) e Escarlatina, a cociñeira defunta -Premio Nacional de Literatura Infantil 2015 do Ministerio de Cultura-, elixiu pola súa banda “Las medias rojas” (1914) porque nel o dominio da técnica por parte da autora é «radical», pero tamén pola súa temática. «Sorpréndeme e catívame que Emilia estivese tratando temas que moitas autoras contemporáneas tamén tratamos a día de hoxe nas nosas obras: a omnipotencia do patriarcado, a violencia machista, o feito de que o tío Clodio trata a Ildara coma se fose gando e non un ser humano». «Esta en realidade é para min unha historia de soños frustrados, os soños frustrados dunha nena, que probablemente son os soños frustrados de moitas mozas que, coma ela, querían ser independentes, autónomas, e non tiveron esa posibilidade», afonda.
A serie continuará proximamente con Lúa Mosquetera (Miño, 1988), campioa do Poetry Slam galego e finalista do estatal e gañadora do premio ARitmar de Mellor Poesía da Galiza 2021 por “Anorak de pel de caribú”, incluído en Espíderman (2022); e Mario Obrero (Madrid, 2003), Premio de Poesía Joven Félix Grande por Carpintería de armónicos (2018) e Premio Loewe a la Creación Joven por Peachtree City (2021).
Contos escollidos. Emilia Pardo Bazán dende hoxe pon o foco nun xénero especialmente fecundo no conxunto da súa obra. A escritora coruñesa publicou preto de 700 relatos, de temas e estilos moi variados, parte deles recompilados en dezaoito libros de narracións breves. Un deles é Cuentos escogidos (1891), título que inspira o nome desta serie.
A proposta é unha produción da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán realizada co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A serie conta na parte musical co artista coruñés Kiko Evia, Gitano de Palo