O Consello da Cultura Galega escolleu aos Premios Mestre Mateo, organizados pola Academia Galega do Audiovisual, como o primeiro evento relacionado co sector audiovisual máis destacado da cultura galega en 2024 e unha das dez iniciativas culturais máis relevantes do ano pasado.
O informe do Consello da Cultura Galega recompila os fitos máis destacados do ámbito cultural con base nas opinións das persoas directivas e das profesionais das entidades culturais, servindo como un avance dos resultados da próxima entrega do Barómetro da Cultura Galega.
Os Premios Mestre Mateo do audiovisual galego aparecen citados no 2,8% das respostas da enquisa, o que supón un notable incremento da mención destes premios dende o 1,1% colleitado na anterior edición do Barómetro.
O sector audiovisual é o terceiro ámbito, por detrás da música e da literatura, en acaparar o interese dos enquisados. Ata 18 categorías aluden de forma específica ou xeral a figuras ou eventos do audiovisual galego, o que supón o 22,7% do total de mencións máis salientables para o ano 2024. Ás respostas que sinalan a importancia dos Premios Mestre Mateo suman a de producións que colleitaron un notable éxito entre o público. Algunhas delas son ademais finalistas nos XXIII Premios Mestre Mateo que se celebran este ano en Lalín, como é o caso da película As Neves, dirixida por Sonia Méndez, series como Rapa, de Jorge Coira ou o traballo de profesionais como a actriz Lucía Veiga, o que demostra o compromiso dos premios co sector e co talento autóctono.
Ademais de mencións específicas a premios, producións e profesionais do audiovisual, a táboa amosa tamén unha categoría que recolle mencións á importancia do cine e o audiovisual galego en xeral e outras referencias específicas ao audiovisual galego (5,3% da mostra).
Por outro lado, patrocinadores que fan posible os Premios Mestre Mateo tamén resultaron recoñecidos no Barómetro da Cultura Galega como a Xunta de Galicia, AGADIC e a TVG e as súas programacións e plataformas.
A iniciativa promovida polo Consello da Cultura Galega dende 2020, realízase anualmente como unha diagnose avaliativa que, a partir de datos enquisados, permite analizar a situación, evolución, retos, fortalezas e perspectivas do sector cultural galego.
O Pleno do Consello da Cultura Galega está formado por representantes de diferentes institucións culturais: academias, universidades, fundacións e centros de investigación especializados, e por personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega.