A Xunta de Galicia acaba de publicar a listaxe dos 30 espectáculos galegos seleccionados para a 12ª edición da feira Galicia Escena PRO, o mercado galego das artes escénicas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza anualmente xunto coa asociación empresarial Escena Galega. Das compañías programadas neste encontro, que terá lugar do 2 ao 5 de xuño en Santiago de Compostela, 18 exhibirán as súas máis recentes producións en formato completo, mentres que as 12 restantes ofreceranlles aos axentes culturais acreditados un avance dos seus próximos proxectos en presentacións tipo pitching.
As devanditas propostas foron elixidas por unha comisión artística de entre as 66 recibidas para o formato completo e as 38 para os pitching a partir da convocatoria pública aberta ás compañías profesionais galegas de teatro, danza, circo e maxia.
Como en anos anteriores, a escolma de Galicia Escena PRO combina compañías de longa traxectoria no panorama teatral galego con formacións de máis recente creación, así como distintas disciplinas e unha ampla variedade de tendencias escénicas. Así, a selección deste ano ofrece 12 espectáculos teatrais, dos que catro están pensados para o público familiar, cinco de danza e un de circo, ademais de presentar oito futuras montaxes teatrais, dúas coreográficos, unha de circo e outra de maxia.
Os pases completos desta 12ª edición na categoría de teatro para público adulto serán os de As gardiás ou o nó do tecelán de Teatro de Ningures, María Visitación Consolación Amadora de Loia Producións, O proceso de Malasombra, Reconversión de Ibuprofeno Teatro, Tromsø de Morraoconto, Ubasute de Berrobambán, Un deus salvaxe de Talía Teatro e Vitória de Iria Pinheiro, mentres que na de público familiar se atopan Bulebule de Os Náufragos Teatro, Compaña de Xampatito Pato, Maruxiña de Aurora Artes Escénicas e Os contos do Lobicán de Redrum Teatro. En danza, foron seleccionadas as pezas Anfibia de La Guajira, Aurora Boreal de Paula Quintas Cía., Cicatriz de Kirenia Danza, Transeúnte de Daniel Rodríguez e Trïade de Colectivo Glovo, mentres que en circo, Rogelio III. La fête de AsSircópatas.
A meirande parte destes 18 espectáculos veñen de ser estreados nos últimos meses con apoio da Xunta de Galicia para a súa produción, tanto a través da liña de subvencións á creación escénica como do programa de coproducións que convoca anualmente a Axencia Galega das Industrias Culturais.
Ademais dos axentes acreditados, o público xeral tamén poderá asistir a estas representacións, mentres que as presentacións rápidas en formato pitching estarán reservadas aos profesionais inscritos no evento, aos que se lles avanzarán os contidos de proxectos aínda en proceso de preparación.
Neste caso, foron seleccionados A derradeira leición do mestre do Grupo Chévere, A metamorfose de Sarabela Teatro, Galerock´n magic do Mago Teto, Manual de patronaxe de Teatro do Noroeste, Monte de Laboratorio Escénico, Ninguén tira fotos nos enterros de Carlota e Compañía, O arcón de Noa de Amarelo Cía., O espírito de Vania de Machi Salgado, Oh, mammi blue! de Cinema Sticado, Os senteito de Caramuxo Teatro, Todas temos a mesma historia de LaGriot'te e Xoguetes rotos, de Barrosanta e ButacaZero.
Aos espectáculos galegos sumaranselles outros dous chegados desde Madrid e a Comunidade Valenciana grazas ao acordo de intercambio que se mantén con MADfeira, onde a representación galega correrá a cargo de Elvi Balboa con Anoä, e Dansa Valéncia, que se celebra estes días coa participación de Daniel Rodríguez con Transeúnte e Colectivo Glovo con Trïade.