A Consellería de Sanidade iniciou onte a vacinación infantil fronte á gripe, unha campaña que se ofrece a 72.561 nenos de 6 a 59 meses de idade. Segundo explican nun comunicado, a Xunta cita por SMS ás familias para que acudan á vacinación organizada nos centros de saúde de referencia de toda Galicia.
Como novidade, os nenos de 24 a 59 meses recibirán este ano por primeira vez a vacina intranasal, coa que se pretende mellorar a adherencia á campaña ao ser de máis fácil administración. Nesta franxa de idade de 2 a 5 anos, a poboación diana é aproximadamente de 49.480 nenos. Tamén destacan que na vacinación antigripal Galicia foi pioneira en 2022 ao introducir por primeira vez en España a vacinación de nenos de entre 6 e 59 meses.
Os resultados conseguidos constatan a aceptación desta medida, cun incremento en 2023 con respecto á campaña inicial, alcanzándose un 55,78% de cobertura. Este dato sitúa a Galicia á cabeza das coberturas de vacinación infantil en España e case 20 puntos por encima da media nacional, que o ano pasado foi do 36,16%.
Tamén onte comezou a campaña de vacinación fronte á gripe para menores con patoloxías de risco e para persoas inmobilizadas en casa de calquera idade e á súa coidadora principal.
Segundo o último balance desde a posta en marcha da campaña en setembro, son case 25.000 as persoas vacinadas en Galicia fronte á gripe. Delas, un total de 3.276 son persoal socio-sanitario e 21.353 residentes.
No que respecta ao covid, xa se vacinaron case 23.000 persoas, das que 2.069 son persoal socio-sanitario e 20.527 residentes. Da mesma maneira, máis de 2.300 bebés foron inmunizados fronte ao virus respiratorio sincital, causante da bronquiolitis.