O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, encabeza hoxe unha delegación de empresas e centros de investigación galegos nunha xornada de traballo en Xenebra no CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), o maior laboratorio de física de partículas e un dos corazóns da ciencia no mundo. Trátase de compañías e centros que xa traballan co CERN, ao que prestan distintos servizos, o que en opinión do representante da Xunta demostra “o sobresaínte traballo que se fai en Galicia en materia de I+D+i con investigadores excelentes e firmas de referencia que son quen de competir nun escenario internacional”. Por iso, quixo visibilizar e enxalzar o seu talento e enorme potencial.
A delegación encabezada polo conselleiro de Ciencia, na que tamén participa o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, está integrada por Plexus Tech, con sede en Compostela e representada polo seu CEO, Antonio Agrasar; Horta Coslada, de Arteixo, co seu director xeral, Alejandro Otero; Gabadi, de Narón, co seu director financeiro, José Luis Manso, e Thune Eureka, de Vilagarcía de Arousa, co seu director xeral Sergio Álvarez.
A eles, súmanse o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), un centro mixto da Xunta e a USC, do que asiste o seu director, Carlos Salgado, e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), institución compartida entre Xunta e CSIC, co director, Lois Orosa. Ambos centros teñen sede en Santiago. A delegación galega complétase coa directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta, Carmen Cotelo.
Contribución de cada compañía
“Non é doado dar servizo ao laboratorio de física máis grande do mundo e estas empresas son quen de facelo, demostrando que Galicia está na vangarda da investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico”, explicou o conselleiro. “Esta colaboración dá conta –destacou– do sobresaínte traballo que se fai en Galicia para continuar impulsando e situando a nosa Comunidade no contexto europeo a nivel de innovación e investigación”, incidiu.
En concreto, Plexus Tech, unha compañía tecnolóxica especializada en servizos e produtos IT que desenvolve solucións integrais á medida, é provedora do CERN en desenvolvemento de tecnoloxías para os seus servizos. A empresa de construcións metálicas Horta Coslada participa nun dos proxectos estrela (DUNE) do CERN, no que se encarga da fabricación da estrutura metálica de dous criostatos (dispositivos empregados para manter baixas temperaturas).
Pola súa banda, Gabadi, unha das principais empresas do sector naval, encárgase da fabricación e reparación de tanques de membranas nas instalacións de Italia e Suíza, tras aportar o seu coñecemento en máis de 13 proxectos realizados polo CERN. Finalmente, Thune Eureka, provedora de servizos de fabricación de bens de capital, realiza actualmente un molde deseñado para a impregnación de novas bobinas de reposto para os sistemas de propulsión de dipolos. Esta información pode ser ampliada no dossier que acompaña a esta nota de prensa.
Intercambio de experiencias e proxectos
Na ampla xornada de traballo, con visitas ás instalacións, presentacións e intercambio de experiencias, proxectos e estratexias con investigadores e traballadores deste centro, foron recibidos pola galega Mar Capeáns, xefa do departamento de Infraestruturas do CERN, no que leva traballando desde hai máis de 30 anos.
A visita comezou cunha presentación sobre o presente e o futuro do CERN, os pasos cara onde camiña e as súas liñas de investigación. Tamén se deu a coñecer a súa contribución ao proxecto DUNE, no que participan precisamente Horta Coslada e Gabadi. Esta é unha das iniciativas estrela nas que está somerxido actualmente o CERN, onde se aglutinan expertos internacionais para estudar algunhas cuestións sobre a física de partículas.
Finalmente, coñeceron as instalacións String Facilities, onde se coordinan as actividades relacionadas coa integración, instalación, posta en servizo e operacións no marco do Proxecto HL-LHC (que ten como obxectivo mellorar o acelerador de partículas e incrementar o número de colisións por segundo), e afondaron nas oportunidades industriais da sociedade actual. A visita concluíu no espazo CERN Science Gateway, o museo da Organización europea. “Esta xuntanza foi moi frutífera e, de seguro, que servirá para que as empresas e institucións galegas científicas continúen mellorando os seus procesos e servizos e poidan así seguir reforzando Galicia no ámbito científico e técnico”, concluíu o representante do Goberno galego, que trasladou en nome da Xunta o orgullo e a felicitación polo labor continúa de empresas e centros ata acadar a súa posición actual.
Estratexia cuántica de Galicia
O grupo galego tamén visitou o centro de computación do CERN, onde coñeceu a súa estratexia en cuántica a través da súa folla de ruta, a Iniciativa de Tecnoloxía Cuántica, que define un programa de investigación a medio e longo prazo. De feito, o Cesga xa mantén unha colaboración fluída co CERN desde 2004, pois presta soporte computacional aos grupos de investigación galegos que colaboran co experimento LHCb (un dos detectores do maior acelerador de partículas do mundo) para o almacenamento, procesamento e análise dos datos dos sensores instalados no LHC (o acelerador de partículas) do CERN.
Neste senso, o titular de Ciencia recordou a firme aposta do Goberno galego polas tecnoloxías cuánticas, así como as actuacións que se están a desenvolver en Galicia nesta materia e puxo en valor a aposta polo impulso ao Cesga. “Destinamos 56M€ de fondos europeos e propios á unha nova sede que albergará infraestruturas de supercomputación e almacenamento, co fin de consolidarnos como referente no ámbito nacional e europeo, capaces de estar á vangarda en computación de altas prestacións e computación cuántica, así como no coñecemento sobre estas infraestruturas”, remarcou Román Rodríguez.
Preto de 40 doutorandos da Comunidade
Ademais, na visita tamén se amosou o traballo que realiza o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, que colabora activamente co CERN. De feito, este centro de investigación ten a 40 membros traballando con este laboratorio mundial. “Ver como investigadores galegos fan posible que lideremos a participación española nun dos proxectos máis importantes do CERN é outro síntoma máis do gran potencial e talento que existe na nosa Comunidade”, subliñou. Ademais deste proxecto, o IGFAE mantén unha estreita relación en áreas de estudo relacionadas coa física teórica e colabora no campo da divulgación.
No ámbito máis formativo, tamén preto de 40 estudantes de doutoramento deste Instituto galego están desenvolvendo a súa tese no centro suízo. A meirande parte analizan e interpretan os resultados recollidos polo experimento LHCb, e, desde a perspectiva teórica, outra parte do alumnado de doutoramento da nosa Comunidade investiga sobre a interacción forte, unha das catro forzas fundamentais da natureza.