José González | “Non queremos facer un efecto chamada. Se a xente ven aquí, ten que vir a aportar á sociedade”

conselleiro de emprego, comercio e emigración aposta por unha migración ordenada e vinculada ao traballo, un modelo no que Galicia é pioneira e que ve parte da solución á emerxencia nacional
José González | “Non queremos facer un efecto chamada.  Se a xente ven aquí, ten que  vir a aportar á sociedade”
José González posa nas inmediacións do Palacio de la Ópera | Pedro Puig

Un emprego para as persoas que “realmente queiran traballar”. Este é o reto que se pon por diante a Consellería de Emprego, Comercio e Migracións. En palabras do seu titular, José González, hai que atraer talento e aproveitar o que xa hai en Galicia, incluidos os migrantes irregulares. Aínda que non busca facer un “efecto chamada”, non pode negar a realidade de que “moita desa xente quere traballar”, polo que aposta por unha migración ordenada e vinculada ao emprego.  

 

 

O seu é un departamento moi grande e relativamente novo en canto a súa organización. Cales son as prioridades actuais?


A prioridade é mellorar a empregabilidade de xente que xa está aquí ou, se é necesario, atraer xente de fóra. E que unha parte importante veña por descendentes de emigrantes galegos, que esa xente veña aquí a traballar e aportar á nosa sociedade e non a xubilarse. É moi importante que iso estea acompañado de emprego. Foi un dos eixos que puxo enriba da mesa o presidente no debate de investimento.


 


Referiuse varias veces a favorecer a empregabilidade das persoas “que realmente queren traballar”, hai xente que non quere?


Realmente traballar deberían querer todos os que están sen traballo. Temos un programa que fai un seguimento a aqueles que tardan máis de un ano en contactar coas oficinas de emprego. Moita desa xente, grazas a nosa atención, atopa un posto. O obxectivo é afinar as listas do paro para que estean nesta lista quen demanda efectivamente emprego.

 

 

O paro baixa pero aínda hai moitas vacantes en Galicia.


Totalmente. Aí hai unha certa contradición. Como pode ser que a xente que está anotada como demandante de emprego, 120.000 persoas en Galicia, e ao mesmo tempo que haxa tanta demanda de persoal cualificado? En todos os diferentes niveis, non estamos falando de cualificacións baixas. Aí nós temos que ser capaces de afinar moitísimo a conexión entre a oferta e a demanda.

 

Xa non é falar de que a empresa demande unha ocupación, senón cales son as competencias que necesita. Non é sinxelo, pero Galicia aí está moi adiantada

 

 

Como se fai iso?


Isto pasa por ser capaces de identificar cales son as competencias que demandan as empresas. Por exemplo, xa non é falar de que a empresa demande unha ocupación, senón cales son as competencias que necesita para o posto. Non é sinxelo, pero creo que Galicia aí está moi adiantada.

 

 

Aí é onde entra a IA.


Si. Vimos de introducir unha ferramenta baseada na intelixencia artificial nas nosas oficinas de emprego. Esa ferramenta vai, precisamente, pola vía de atender cales son as competencias que demandan as empresas, buscalas nos traballadores e, se non as teñen, darlle a formación.

 

 

Personalízase moito máis o proceso, tanto para o que demanda como para o demandante.


Efectivamente. En base ás competencias que xa tes podémosche dicir as porcentaxes de probabilidades que tes de ser contratado nas ocupacións que hai en Galicia e podémosche dicir tamén que, con tres competencias máis, podes acceder a outros catro ou cinco adicionais nas que hoxe hai moita demanda de emprego. É unha ferramenta moi potente.

 

 

Como serían esas formacións?


Aí é clave o tema de que, si sabemos as competencias nas que te temos que formar, poidamos ter a flexibilidade para atopar cursos ou microformacións. O que estamos demandando do Goberno central é que nos deixen máis flexibilidade para poder ir por esta liña. Hai demasiada rixidez. A idea é facer formacións de máis curta duración e moito máis afinadas ás competencias que unha persoa necesitaría para poder acceder aos postos de traballo que están ofertando ás empresas galegas.

 

 

Estamos falando a gran escala.


Aí é onde funciona moi ben a intelixencia artificial. Fai que a ferramenta sexa preditiva e tamén que vaia aprendendo. Vai chegar un momento que sexa capaz de dicirnos incluso cales son as competencias a futuro que van demandar as empresas galegas.

 

Ademais de reter talento, temos que atraelo. Ir aos países de orixe,  traelos da man das empresas que os queren contratar e cubrir as súas necesidades básicas

 

 

En materia de formación, a Xunta proxecta un centro na fábrica de armas de A Coruña.


Este centro de formación está enfocado ás novas ocupacións ligadas á transición ambiental, verde e dixital. É unha aposta clara que temos en diferentes centros e tamén na orientación dos nosos cursos. Este tipo de ocupacións, de cara ao futuro van ser moi valoradas polo mercado de traballo.

 

 

Un dos debates en materia de emprego é a redución da xornada, ve viable esta opción para Galicia?


Hai que respectar aos axentes sociais que están inmersos na negociación. E hai que valorar, sobre todo, cales son as consecuencias económicas nos diferentes sectores de actividade. As pequenas e medianas empresas poden ter repercusións importantes. Creo que xa hai suficientes medidas de conciliación que poden levar a facilitar esa relación entre a vida persoal e a laboral.

 

 

O sector denuncia un problema de man de obra, hai unha crise?


O que din os empresarios é que, efectivamente, hai unha escaseza de man de obra. E fronte ao discurso de que non hai suficientes condicións económicas, eu nego a maior. O que necesitamos son traballadores cualificados.

 

 

Son unha solución a este problema as persoas migrantes?


Non queremos facer un efecto chamada nin estamos a favor da inmigración irregular. Creo nunha inmigración ordenada, regular e ligada ás empresas. É xente que ten que vir a aportar tamén á nosa sociedade. Fóra diso hai unha realidade. Hai xente nunha situación irregular que quere traballar. Galicia é a única comunidade que está tratando de integrar a esa xente pola vía da formación.

 

 

Galicia ten un programa para regularizalos a través do emprego.


É un programa pioneiro. O ano pasado formamos a cen persoas migrantes en situación irregular, das cales o 70% delas están hoxe traballando. Este ano imos facer o mesmo con 145 persoas.

 

 

Dada a emerxencia migratoria actual, pode extrapolarse este sistema ao resto do país?


Totalmente. Se a xente ven aquí, ten que vir a aportar á sociedade. Nós apostamos por formalas para que logo arraiguen aquí e teñan unha integración sociolaboral. O que demandamos do Goberno central é que nos expliquen por que é ‘farragosa’ toda a tramitación de estranxeiría.

 

Hai xente que, ao mellor, ven de África e igual non está aquí para un curso de FP de dous anos. O que necesita é unha formación de 60 ou 80 horas 

 

 

Que ve Galicia imprescindible na futura lei de estranxeiría?


Aparte de que haxa maior axilidade nos trámites, pedimos que dentro da formación que podemos impartir para integrar sociolaboralmente á xente que ven de terceiros países, nos admitan as microformacións. Hai xente que, ao mellor, ven de África e igual non está aquí para un curso de FP de dous anos. O que necesita é unha formación de 60 ou 80 horas. Outra cousa que dicimos é que tamén se poidan integrar pola vía do emprendemento. Pode haber un señor de Mali ou de Kenia que colla unha panadería en Melide ou Boimorto. Nós o que queremos é que estean traballado de xeito legal e que estean aportando á nosa sociedade.  

 

 

Tamén xogan un papel fundamental os retornados.


Ademais de reter talento aquí, temos que atraelo. A nosa primeira opción son descendentes de emigrantes galegos. Ir aos países de orixe e tratar de traelos da man das empresas que os queren contratar e, sobre todo se veñen coa familia, cubrirlles as súas necesidades básicas. O noso obxectivo é que veñan e que logo non se vaian. O terceiro círculo serían nacionais de terceiros países, sobre todo de América Latina. Facemos un traballo de intermediación entre a administración autonómica e as dos países de orixe para facilitar todos os trámites.

 

 

Poderían ser os migrantes unha solucións aos problemas demográficos que padece Galicia?


Efectivamente. Matamos moitos paxaros dun tiro. Se conseguimos que a xente se ubique no territorio, atacamos o despoboamento, solucionamos o problema da falta de man de obra, conseguimos que haxa xente nese territorio con cartos no bolsillo...

 

 

Que deberes lle pon ao Goberno?


Dende logo, máis flexibilidade na formación. Non pode ser que teñamos estas rixideces. O que necesitamos é que deixen liberdade ás comunidades. Tamén hai que simplificar os trámites ligados a estranxeiría. Preocúpanos sobre todo o tempo que están tardando as universidades na homologación de títulos. Queremos, polo menos, entender por que. 

 

 

“Cada vez que se fai unha compra por internet todo o valor engadido vaise aos Estados Unidos”

O comercio local afronta varias problemáticas que José González quere poñer enriba da mesa. Os que máis lle preocupan son a venda online e a falta de relevo xeracional, pero tamén pon o foco na necesidade de revitalizar ese sector, especialmente nas comarcas.

 

Hai varias medidas postas en marcha para favorecer o comercio local, por que é importante?
A venda online supón un inimigo importante para o comercio polo miúdo. Eu creo que o primeiro que se tiña que facer, e así o estamos facendo, é parar e falar co sector. Temos posta en marcha a estratexia do comercio galego, ímola presentar no primeiro trimestre do ano 2025. Hai unha participación extraordinaria. Estamos falando dunha actividade importantísima.

 

En qué se está traballando?
Vemos con claridade que imos ter que traballar na concienciación, sobre todo da xente xove, da importancia de comprar no comercio polo miúdo. Cada vez que se fai unha compra por internet todo o valor engadido se vai ir aos Estados Unidos. Ao mesmo tempo, imos ter que buscar unha solución orixinal e faremos  algún piloto no ano 2025 para ver de revitalizar o comercio nas cabeceiras de comarca. O comercio ten que ser algo transversal. Ten que involucrar non só á administración autonómica e ós comerciantes, senón tamén á administración local e ás actividades complementarias, que poden ser lúdico-culturais, musicais…

 

Un dos principais retos é o relevo, que cre que falla?
Probablemente a remuda teña que ver coa perda da rendibilidade dos comercios. Se imos ao pasado, eu son dunha vila de ao lado de Ribadabia, os comerciantes eran os que facían os cartos. Esa rendibilidade era a que motivaba que houbera comercio. Unha das cuestións nas que temos que estar máis preocupados é a remuda. O emprendemento tradicional pode ir moi ligado á remuda nos comercios polo miúdo que temos no territorio.

 

Unha das cuestións nas que temos que estar máis preocupados é a remuda. Probablemente teña que ver coa perda da rendibilidade dos comercios

 

Favorecer o emprendemento é unha das apostas principais, que prioriza a Consellería?
En Galicia, temos o convencemento de que, máis aló do emprendemento con base tecnolóxica, hai campo para un emprendemento máis tradicional, máis ligado ao territorio. Ese territorio onde hai moito turismo, moita produción agroalimentaria, moita gastronomía… Moitas posibilidades en definitiva. Entón o que fixemos foi poñer en marcha unha rede de polos de emprendemento, temos catorce en toda Galicia. Iso nos está permitindo acercarnos moito a ese emprendemento ligado ao territorio.

 

En A Coruña, vides de abrir un centro de orientación ao emprendemento.  
Temos en Galicia ao redor de 190 entidades que se dedican a orientar aos emprendedores e o que queremos é facer unha labor de coordinación e que, en maior ou menor medida, estea todo interconectado a través dos polos. Esa coordinación se vai facer no centro de A Coruña que inauguramos fai unhas semanas. A idea é que a cabeza visible dos polos desde o punto de vista de coordinación estea neste centro.

 

Que ofrece este centro que non o fagan outros? 
Un espazo que permite o emprendemento inclusivo. Non en todos os sitios temos esas facilidades. Queríamos ter un centro específico no que se algún emprendedor con discapacidade quería participar, que tivera esas instalacións. 

José González | “Non queremos facer un efecto chamada. Se a xente ven aquí, ten que vir a aportar á sociedade”

Te puede interesar