Traballar no presente para recoller no futuro. Esa é a clave para o conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades. Román Rodríguez aborda os retos que ten por diante o seu departamento, entre eles o demográfico, que deixa unha caída de 4.000 alumnos só en Infantil e Primaria. Aínda así, defende que hai “máis profesores que nunca”, a pesar das queixas recurrentes en diversos centros da comunidade, e reivindica o esforzo da Xunta por modernizar o sistema educativo.
Cales son os principais retos que afronta a súa consellería?
Ten moitísimos. Eu sempre digo que traballamos en presente pero os resultados se van ver no futuro. Topámonos con moitísimos desafíos: demográficos, sociais, a chegada crecente da poboación migrante... E temos que apoiar á economía e, para iso, é clave a investigación. Eu fago un símil cunha semente. Nós somos cultivadores para que a Galicia do futuro continúe coa colleita.
Este curso comezou unha modernización do sistema educativo, estaba obsoleto?
Non. Este é o maior cambio das últimas tres décadas. O que queremos é garantir a viabilidade do sistema. Temos desafíos fortes. Só neste ano hai 4.000 alumnos menos só en Infantil e Primaria. Tamén están chegando moitísimos alumnos estranxeiros. Galicia é das comunidades que teñen menos alumnos estranxeiros, pero somos a que máis está medrando. No último ano nun 20% e a previsión é que siga medrando. Temos que preparar o sistema para acoller estes nenos e nenas que van ser os galegos de mañá.
Poden ser unha solución os alumnos non nacionais aos problemas demográficos?
Axuda moitísimo. De feito, en moitísimos centros que eu visito de xeito habitual me din que afortunadamente están chegando alumnos de fóra. E, a veces, non chegan ao inicio do curso. Iso sempre supón algunha problemática organizativa.
“Somos a única comunidade onde un neno ou unha nena pode entrar con tres anos e saír licenciado ou graduado dun xeito absolutamente gratuíto
Que está detrás deste fenómeno?
Eu son xeógrafo de formación e a principios dos anos 2000 xa percibimos un cambio da tendencia. Galicia, que sempre foi un país emisor de migración, ía pasar a ser receptor. Así foi. Xunto a isto está tamén a modernización da nosa economía. Creo que é un gran éxito colectivo como fomos capaces de medrar. Iso atrae, xunto a outros aspectos como pode ser a calidade de vida que temos en Galicia. Creo que todo iso, no seu conxunto, está unido. E nós temos que darlle unha resposta educativa a este desafío que temos enriba da mesa.
Dende a Xunta fálase dunha ampla renovación do profesorado, pero este curso sucedéronse as protestas pola falta de docentes.
Con menos alumnos que nunca, hai máis profesores que nunca. O mapa educativo cambia. Un centro hoxe pode ter unhas necesidades e o curso seguinte, outras. Sempre existen demandas insatisfeitas, pero non se pode dicir que non se está facendo un notable esforzo para modernizar a nosa estrutura. Quizais nalgúns casos se interpretou mal o acordo sindical que asinamos fai un ano. Nós sempre dixemos que esta transformación era progresiva e nalgúns casos interpretouse que había que facelo de golpe.
Tamén hai moitas queixas pola falta de mantemento dos centros que, na súa maioría, teñen máis de corenta anos.
Galicia ten un enorme parque inmobiliario cunha media de 50 anos. A Consellería ten 1.600 edificios entre Educación Primaria e Secundaria. Vimos de pechar a primeira fase do plan de arquitectura pedagóxica. Fixemos un investimento de 270 millóns, con 2.700 intervencións para proxectos de moi diferente tipo: reformas, ampliacións, cambios de cuberta, obras de eficiencia enerxética... Vamos sacar un segundo plan, que presentaremos dentro de pouco e vai comezar no 2025. Pero é certo que nunca chega. Temos que priorizar.
Ante a caída do galegofalantes, prepara o seu departamento algunha medida para revertir ou paliar esta situación?
O sistema educativo leva moitos anos educando cunha perspectiva bilingüe absoluta. Calquera alumno galego sae con plenas competencias en galego e en español. O sistema educativo garante, partindo dun principio de equilibrio, o coñecemento pleno de ambas linguas. Leva moito tempo funcionado, sen ningún tipo de crispación interna e non como noutras comunidades onde vemos, a través dos medios de comunicación, que hai problemática incluso de convivencia familiar. O sistema educativo ten que democratizar o coñecemento en ambas linguas. E o está facendo. Outra cousa é o uso, que iso está fóra do ámbito educativo.
“Aquelas autonomías que temos os mellores sistemas educativos, na ABAU curiosamente estabamos nos postos máis baixos
Que novidades traen os orzamentos de 2025?
Este departamento ten o orzamento máis alto da historia, máis de 3.000 millóns. É un orzamento que incide na aposta polo profesorado. Cando se fala de recortes eu digo ‘bueno, vamos a ver o dato’. E o dato é que o apartado crece moitísimo nese ano. Na universidade temos un dos crecementos máis grandes da Consellería para reforzar a investigación, cunha aposta moi forte da rede Cigus. E, por suposto, para dar cobertura a un dos compromisos máis fortes nos últimos anos, que é a matrícula gratuíta.
Na Formación Profesional batiuse este ano récord de matriculación, nota un cambio no modelo?
A FP é unha estratexia de país. Ten unha transcendencia moi forte, que impacta de xeito directo na economía, pero tamén ten unha vertente social importante. Galicia, nos últimos anos, vive unha auténtica revolución silenciosa. Se o comparamos co ano 2009, duplicouse o número de alumnos e, o máis importante, triplicouse a tasa de empregabilidade. No ano 2009, era dun 30%. Hoxe é do 86% nas FP ordinarias e o 100% nas Duais. Iso é un cambio radical e non é casualidade.
Con estas cifras, quédalle algún desafío por diante?
Sempre hai desafíos. Obviamente non podes parar. Temos que seguir apostando pola tecnificación. Neste curso vamos a implementar unha serie de medidas derivadas da nova lei de FP. Moitas delas xa as tiñamos en Galicia antes de que a lei as puxese enriba da mesa.
Os cambios da ABAU, agora PAU de novo, deron para moito debate. Cal é o modelo que máis lle beneficia a Galicia?
Levamos moito tempo demandando unha Selectividade común. Aquelas comunidades que temos os mellores sistemas educativos, en base aos informes nacionais e internacionais, na ABAU curiosamente estabamos nos postos máis baixos. Isto era porque había 17 sistemas diferentes. As comunidades do PP, coincidimos na importancia de ir cara unha homoxeneización. As universidades pensan igual ca nós. E o estamos facendo pese a que temos un marco legal, por parte do Ministerio, que intenta ir na liña contraria. Neste momento, unha inmensa maioría das comunidades sabemos que se vai a preguntar, como se vai a avaliar, cando vai ser o exame e temos que avanzar no que é a estrutura.
“Tomáronse moitas medidas por parte do Goberno central, sen ningún tipo de consenso nin escoita, moitas cunha liña que se pode resumir con un ‘yo invito
y tú pagas’
Onde quedan as particularidades de Galicia?
Nunca vai ser igual. Nunca vai ser unha única proba, pero temos que avanzar na medida do posible cara unha homoxeneización. A que sexa o máis común posible respectando sempre as particularidades de cada comunidade. No caso de Galicia, o galego. Pero intentando xerar tamén igualdade de oportunidades, que un mozo de Lugo teña o exame máis parecido posible a un de Huelva ou de Tarragona.
Nestos orzamentos entra por primeira vez a matrícula gratuíta, vaise manter a longo prazo?
Esta iniciativa xurde do presidente Rueda e hai unha aposta moi forte. Non me cabe a menor dúbida que si. Somos a única comunidade onde un neno ou unha nena pode entrar con tres anos e saír do sistema licenciado ou graduado dun xeito absolutamente gratuíto. Iso é un grandísimo avance social. No primeiro curso, todos aqueles alumnos que fan a ABAU pódense matricular dun xeito gratuíto. A partir de aí, tes posibilidade de beneficiarte desta matrícula gratuíta pero tes que ter un número mínimo de créditos aprobados. Por que? Para que non sexa unha barra libre. Para que haxa unha mínima cultura do esforzo.
Que deberes lle pon ao Goberno?
Poñeríalle moi mala nota no ámbito da educación; un ben, con tendencia a notable, na investigación; e un cinco moi raspado na universidade. As comunidades somos quen xestionamos, coñecemos e organizamos o sistema educativo. Tomáronse moitas medidas por parte do Goberno central sen ningún tipo de consenso nin escoita. Moitas delas con intereses político-partidistas clarísimos, cunha liña que se pode resumir con un ‘yo invito y tú pagas’. Creo que incluso as comunidades do PSOE coincidimos nesta percepción.
“Galicia perdeu moitos trens ao longo da historia e depende de nós subirnos ao da intelixencia artificial” |
É a primeira vez que aparece a palabra ciencia no organigrama da Xunta. Así o pon de manifesto Román Rodríguez, para quen é un sinónimo de progreso e avance. O conselleiro incide na necesidade de aproveitar o talento investigador galego e as novas ferramentas dixitais para non perder un tren que pode supoñer unha “revolución”.
Hai unha aposta por introducir a intelixencia artificial no ensino, en que medida se está utilizando e que pode aportar?
O camiño investigador é complicado. Fálase de que é unha vía moi precaria e con pouca estabilidade. Ten isto en mente a Consellería?
Defenden que hai máis financiamento que nunca.
Case parece olvidarse que o departamento de Educación tamén é o de Ciencia, ao ser competencias novas.
Que se ve no futuro?
|