De aeroportos sen avións e complexos deportivos sen instalacións

O Complexo Deportivo do Castrillón leva camiño de se converter na versión coruñesa do Aeroporto de Castellón: o de Castellón é un aeroporto sen avións, mentres que o do Castrillón é un polideportivo sen instalacións deportivas.


O edificio do complexo está rematado desde hai cinco anos, mais desde aquela só alberga un supermercado. O resto continúa a ser unha casca baleira.


E é que os prazos anunciados polo actual Goberno Local para a súa apertura incúmprense sistematicamente. Primeiro, en novembro de 2020, a alcaldesa anunciou que o complexo do Castrillón estaría aberto en abril de 2021. Despois, en setembro de 2021, o portavoz do Goberno municipal, José Manuel Lage, asegurou que sería no primeiro semestre de 2022.


Mais o primeiro semestre de 2022 remata o vindeiro mes e continúa sen haber avances.

En realidade, as incertezas son múltiples. O Goberno Local encomendou á empresa municipal EMVSA completar os equipamentos e a posta en funcionamento do complexo. Pola súa parte, a Xunta Xeral de accionistas de EMVSA solicitou, hai máis dun ano, unha ampliación de capital dun millón douscentos mil euros, para facer fronte a esta encomenda. Porén, nos orzamentos do concello para 2022 aparece unha suma moi inferior, 830.000 euros.


O problema é que a propia EMVSA calcula que para asumir o conxunto das novas encomendas do Concello, entre as que está completar os equipamentos e poñer en funcionamento o Complexo do Castrillón, faría falta unha ampliación de capital dun millón oitocentos mil euros.


Gostaríanos, en definitiva, que o Complexo Deportivo do Castrillón deixase de ser o émulo coruñés de A Historia Interminábel.

De aeroportos sen avións e complexos deportivos sen instalacións

Te puede interesar