Algarada e crispación

Algarada é confusión ruidosa de voces e gritos. Tamén, revolta ou rifa de pouca importancia. E niso andamos nos últimos tempos políticos e sociais. Cousa especialmente notoria nese mundo das redes sociais e do ámbito da relación e comunicación no plano virtual causando, así, o efecto de crispación ou de acaloramento do ambiente na convivencia. O ruído prodúcese cando se crea unha falsa realidade. Nese mundo interesado para o beneficio e proveito das grandes corporacións de internet, agora unha persoa pode ter o seu perfil verdadeiro e ademais crearse outros cos que reforzar a súa ideoloxía e facer mobilización activa en causas de liorta e oposición. Mesmo créanse perfís dunha forma mercenaria, cobrando por iso, como fan certas axencias de información ou desinformación para divulgar un tipo de mensaxe, contido ou idea. 


Esta inxección de perfís que non son reais e que adoitan ter un discurso agresivo, tendentes a propagar falsidades e “troulear” a outros usuarios creando un clima de crispación fai que pareza que todo é moito máis radical do que realmente é. Asunto con identificación de individuos perfectamente contrastábel. As operadoras poderían facer moito máis para evitar o odio e a desinformación, pero iso iría en contra do seu negocio xa que se non existe crispación non se produce tanta interacción. Poderían traballar este aspecto moito máis porque eles saben de onde veñen as mensaxes e poderían detectar os perfís falsos. O discurso de odio non debería estar permitido en ningunha das empresas donas de redes sociais. O obxectivo do ruído é difamar, difundir unha mensaxe propia ou crispar o ambiente. 


En canto á información, xa se sabe que certas fontes son moi ruidosas porque son famosas por iso, así que se unha información non ten unha orixe clara, non cita fontes ou presenta ningunha ligazón, hai moitas posibilidades de que sexa falsa. Nas redes sociais non pasa o mesmo que cando vemos a televisión, que todos estamos a observar e escoitando ás mesmas persoas. Se é unha persoa intransixente que só segue a persoas como ela, lerá información nesgada que continuamente estea a avalar o seu ideario. Así, só atopará reafirmación, e teraa. 


Pola contra, con espírito crítico ou curiosidade, debe seguirse a diferentes perfís con diversos puntos de vista. Con todo, existe a tendencia para crear burbullas de información tendentes a reafirmar as mensaxes que unha persoa sigue. Así e todo, debe primar a liberdade de expresión. Porén, ollo ao piollo. Peneirar a mensaxe.

Algarada e crispación

Te puede interesar