Arrepío dos defuntos

A normalización da morte e os rituais relacionados co Día dos Defuntos e o Samaín ofrécenos unha visión profunda de como diferentes culturas enfrontan a morte e honran aos seus devanceiros e familiares falecidos. Estes rituais son expresións vivas da relación entre a cultura, a relixión e a sociedade, e como estas relacións axudan ás persoas para lidar coa inevitable realidade da morte. Non só é un fenómeno cultural, senón tamén un recordatorio de nosa propia humanidade e a importancia da comunidade en tempos de perda. O concepto de normalización da morte, no marco da teoría e dos estudos sociolóxicos, refírese ao proceso mediante o cal unha sociedade incorpora a idea da morte como unha parte inevitable da vida. Este proceso varía amplamente dunha cultura a outra, e os rituais relacionados coa morte poden ser unha manifestación clara desta normalización. 


En moitas partes do mundo, o Día dos Defuntos celébrase como unha ocasión para lembrar e render homenaxe aos que “xa non dormen na casa” con prácticas que continúan a tradición antropolóxica do ámbito territorial, caso do galego. Aquí e acolá no resto do mundo, inclúese a visita ao cemiterio, nicho e tumba, ofrenda de flores, colocación de luces, e mesmo incenso e alimento noutros territorios do planeta. Estes rituais baséanse na crenza de que, dalgunha maneira, os mortos seguen sendo parte da comunidade e deben ser lembrados e honrados. E o ciclo da vida, e como tal cumpre unha función de asunción dun proceso natural de nacemento, vida e desaparición final.


O lúdico e festeiro que agora chamamos Samaín, aínda con raíz nas sociedades agrarias dos pobos do Atlántico europeo, incluída Galiza, non deixa de ser unha versión propia do negocio cosmopolita que se impulsou como parte do interese mercantil norteamericano, partindo da tradición celta. 


Con todo, a civilización occidental de hoxe en día, nun contaxio que afecta a totalidade do planeta, produce arrepío aos propios defuntos de morte natural coa indiferenza e complicidade coa que promove o espanto das mortes evitábeis froito das guerras inxustificábeis e da traxedia humana que se agocha na falsidade do relato extensamente difundido, ben resumido nesta cita de  Albert Camus: “O que mata ou tortura só coñece unha sombra na súa vitoria: non pode sentirse inocente. Necesita, pois, crear a culpabilidade na vítima mesma para que, nun mundo sen dirección, a culpabilidade xeral non lexitime máis que o exercicio da forza, non consagre máis que o éxito”. Horroroso. 

Arrepío dos defuntos

Te puede interesar