Bátega de mortos

Bátega é choiva forte de curta duración que estamos a capear nestes días co tren de borrascas atlánticas que chegan ao noso país; e digámolo tamén, a beneficiarnos do seu proveito para a natureza e para o alimento. Así e todo, bátega é tamén palabra metafórica da insensibilidade humana, orquestrada a porfía, que asume como normal a morte, da crueldade inxustificable en territorios nos que as potencias occidentais promoven guerras, por activa ou por pasiva, con interese e lucro da industria militar. Velaí, o asedio de Israel sobre Palestina ábrenos as portas a un inferno dantesco.


O goberno israelí mantén aos nenos sen electricidade e sen apenas auga, négalles a axuda humanitaria que necesitan e bombardéaos sen descanso. Fronte ás imaxes nas que se mostran eses corpos pequeniños, xa sen vida, deixáronse caer as máscaras e superouse o discurso dos danos colaterais. Xa non son só os miles de cativos palestinos matados; tamén é a negación da súa inocencia, o recoñecemento deses nenos como obxectivo militar, a súa deshumanización e a consecuente xustificación dunha acción intolerábel.


Lembremos como a imaxe do cadáver de Aylan, o neno de tres anos que morreu afogado nunha praia turca, supuxo unha gran conmoción para todo o mundo e puxo de manifesto a crise humanitaria siria. Dalgunha maneira, esa imaxe converteuse nunha icona que levou, certo que pouco tempo, o drama dos refuxiados á primeira liña da actualidade mundial. Pero, tristemente, esa imaxe converteuse só nun produto de consumo que, ao final, non modificou a realidade. Corremos o risco que volva ocorrer. Que estas imaxes que vemos estes días pasen á historia como un simple contido audiovisual que consumimos unhas semanas sen máis remedio. Se os políticos internacionais, eses que teñen a posibilidade de pór fin ao desastre, non actúan, esta bátega de mortos televisada vai continuar a cumprir a misión agochada de crear unha opinión pública que, unha vez máis, volve debuxarnos como mundo inhumano e cómplice do horror.


A exposición diaria á dor como espectadores, xera tal capacidade de asimilar e tolerar a morte allea que, para crear marcos mentais novos que poidan mover conciencias na opinión pública, non vale xa calquera morte. Pero a dimensión dun conflito histórico como o que estamos a ollar, non pode ser servido á cidadanía como un suceso, senón que debe ter tratado coa dimensión política que corresponde. É hora de exixir solucións. De frear a invasión. 

Bátega de mortos

Te puede interesar